A Grileira, Aqueladas e Nós Televisión, gañadores do Premio Manuel Beiras 2025

Foto de grupo dos premiados nos Premios Manuel Beiras

Os Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial, en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregáronse o pasado luns 1 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A Grileira, Aqueladas e Nós Televisión, foron os galardoados nesta XXVI edición nas categorías de uso continuado do galego, nova incorporación e comunicación innovadora, respectivamente. 

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron o pasado luns os premios da vixésimo sexta edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen o obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial e lembran a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García. O xurado dos Premios Manuel Beiras conta desde a súa creación no ano 2000 coa participación do Colexio de Xornalistas de Galicia, que estivo esta ano representado por Moncho Paz, membro do pleno territorial pola demarcación de Santiago.

Entre as empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio A Grileira, tenda especializada en instrumentos musicais tradicionais da que se destacou a súa "continuidade histórica, xeración tras xeración" de uso do galego ademais da “a súa contribución á preservación do patrimonio musical galego". Na categoría de nova incorporación ao galego o galardón recaeu na cooperativa Aqueladas, dedicada á produción audiovisual, un premio no que o o xurado tivo en conta a "creatividade, responsabilidade social e aposta decidida por unha comunicación en galego moderna e de calidade". Finalmente, na categoría de empresa cunha comunicación innovadora, o premio distinguiu a Nós Televisión, unha canle da que se valorou a "aposta por formatos actuais e comunicación dixital" así como "a capacidade para achegar novos públicos ao idioma a través da innovación continua".

Os galardóns foron entregados nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago. O lema da edición deste ano foi "O galego é o punto". 

CPXG