A III edición da bolsa 'Nacho Mirás' abre o prazo de presentación de traballos

Presentación da III Edición da Bolsa Nacho Mirás para novos titulados (Foto: CPXG)

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu esta mañá a presentación da terceira edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade. A iniciativa conta cunha dotación de 6.000 euros destinados a proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 31 de maio de 2018.

Abriu o acto Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, lembrando a figura de Nacho Mirás, un profesor que "innovou na forma de ensinar" e ao que pola súa pegada se lle dedicou unha aula na faculdade. Engadiu tamén que "grazas ao Colexio de Xornalistas e de Abanca, presentamos a terceira edición da bolsa que leva o seu nome, que permite poñer en marcha proxectos moi interesantes".

A continuación, o director de zona de Santiago Cidade de Abanca, Ramón Mariño Pérez, sinalou, no nome da entidade, o agradecemento por participar no proxecto da Bolsa Nacho Mirás, unha iniciativa que Abanca apoia con total entusiasmo.

Xosé Manuel Pereiro, vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, salientou que a Bolsa Nacho Mirás para novos titulados dá a oportunida de dar os primeiros pasos na profesion xornalístico "cun apoio que non é só económico, senon que significa tamén un amparo para a posta en marcha de novos proxectos". Pereiro remitiu ás bases da iniciativa, disponíbeis desde hoxe na web do Colexio de Xornalistas.

O acto acolleu tamén a presentación da iniciativa gañadora da pasada edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’ Feira, un documental interactivo sobre a feira na Galicia contemporánea. Jorge Vázquez Herrero presentou o proxecto que codirixe xunto a Laura Santos Esmorís e destacou que "esta bolsa é unha oportunidade excepcional que xurde no momento xusto para pór en marcha proxectos, nada mais rematar a carreira".

A bolsa Nacho Mirás para novos titulados

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2018, 2017, 2016, 2015 ou 2014) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

O xurado que avaliará os traballos presentados estará composto por tres membros da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (dos cales un exercerá como secretario), un representante de Abanca, un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e dous ou tres xornalistas en activo. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG