A IV edición da bolsa 'Nacho Mirás' abre o prazo de presentación de traballos

  • Presentación da IV Bolsa Nacho Mirás para novos titulados
  • Presentación da IV Bolsa Nacho Mirás para novos titulados
  • Presentación de Pícaros.gal

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade. A iniciativa conta cunha dotación de 8.000 euros destinados a proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 30 de abril de 2019.

O acto abriuno Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, quen lembrou  a figura de Nacho Miras e o seu traballo como xornalista. Pousa agradeceu tamén o papel de Abanca para pór en marcha a bolsa para novos titulados que leva o nome do comunicador.

O director de zona de Santiago Cidade de Abanca, Ramón Mariño Pérez, manifestou a satisfacción da entidade por pór "o seu grao de area" a "unha iniciativa tan necesaria para novos profesionais", que ademais ten o engadido de manter a lembranza da figura de Nacho Mirás.

A continuación, Xosé Manuel Pereiro, vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, pechou o acto salientando que o Colexio pretende con esta iniciativa "premiar un proxecto profesional para dar unha solucion profesional para as novas xeracions". Tras explicar as bases, Pereiro animou a participar, aproveitando "a oportunidade para facer un proxecto novo".

Picaros.gal

Ademais, o acto acolleu a presentación da iniciativa gañadora da pasada edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’, Pícaros.gal, un medio de comunicación dixital en galego para os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos. Sabela Direito Rebollal, responsábel do proxecto, destacou que con este xornal “os máis cativos poden descubrir o que sucede ao seu arredor, pero dun xeito innovador que busca favorecer as súas ganas por descubrir e aprender cousas novas”.

O xornal, que está accesible dende o 28 de febreiro, ten como obxectivo achegar os temas que se tratan nos medios de comunicación a un target infantil, co uso dunha linguaxe adaptada á idade propia dos lectores e recursos interactivos e multimedia. Cada semana, o xornal afonda nas novas de actualidade relativas a cinco grandes eidos, ademais de contar cunha sección específica, O recuncho, na que os nenos e nenas poden colaborar enviando os seus artigos. 

A bolsa Nacho Mirás para novos titulados

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2019, 2018, 2017, 2016 ou 2015) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 8.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

O xurado que avaliará  os traballos presentados estará formado por tres membros da Xunta de Goberno do CPXG (Francisco G. Sarria; Xosé Manuel Pereiro, e Darío Janeiro), un representante de Abanca (Isaac González), un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Xosé López) e tres xornalistas en activo (Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela) O fallo do xurado darase a coñecer no mes de maio.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional.

Colexiación gratuíta para os estudantes de Xornalismo

Seguindo a campaña de Coléxiate!, os estudantes de Xornalismo que teñan superados máis da metade dos créditos poden colexiarse de forma gratuíta e acceder aos servizos que ofrece o CPXG. Quedan tamén exentos de pago de cota ata rematar os seus estudos, para o cal dispoñen de dous anos.

A colexiación pode realizarse a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida, pódese contactar co Colexio de Xornalistas na sede de Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo), no teléfono 981 935 670 ou por correo electrónico escribindo para xornalistas@xornalistas.gal.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG