A Lei de Protección Intelectual incorporará a xornais e revistas ao dereito de compensación por copia privada

O proxecto de Real Decreto que inclúe as publicacións de prensa entre os titulares de dereito a remuneración por copia privada supera a fase de consulta pública e comeza a súa tramitación parlamentaria. A Asociación de Medios de Información mostrou a súa "satisfacción" polo inclusión de xornais e revistas entre os acredores desta compensación, que "equipara a situación co resto de Europa".

A nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual incorporará no seu artigo 25, que estabelece o dereito de remuneración por copia privada, a xornais, revistas e partituras, de maneira que os titulares dos dereitos dos textos xornalísticos teran garantida unha compensación polo prexuízo ocasionado polas reproducións para uso privado das súas obras, a través do canon dixital. O Proxecto de Real Decreto polo que se estabelece a relación de equipos, aparatos e soportes materiais suxeitos ao pagamento da compensación equitativa por copia privada prevista no artigo 25 do texto refundido da Lei de Propiedade Intelectual, as cantidades aplicábeis a cada un deles e a distribución entre as distintas modalidades de reprodución, que introduce esta novidade, vén de superar a fase de consulta pública e a partir de agora comeza a tramitación parlamentaria para a súa aprobación final.

O proxecto normativo estabelece a relación de equipos, aparatos e soportes suxeitos ao pagamento de compensación por copia privada mediante o canon dixital, así como as cantidades aplicábeis a cada un deles. Pero inclúe tamén tres disposicións finais nas que se leva a cabo unha serie de modificacións necesarias no Real Decreto 1398/2018, de 23 de noviembre, unha das cales inclúe entre os suxeitos acredores da compensación equitativa "as publicacións de prensa, incluíndo xornais e revistas, de contido informativo, cultural, científico, técnico, de creación de opinión pública ou de entretemento, tanto en soporte papel como en formato dixital". A distribución da compensación equipárase no caso da prensa á dos libros, polo que se repartirá o 55% para os autores e autoras e o 45% para os editores ou editoras. 

A Asociación de Medios de Información (AMI), que representa a máis de 90 medios de información españois, mostrou nun comunicado a súa "satisfacción" polo proxecto de Decreto Lei e considerou que pon fin a unha “discriminación inxustificada que sufría o sector de la prensa como titulares de dereitos”. Así mesmo, destacou que esta medida "equipara a situación da prensa e as revistas co resto de Europa".

CPXG