A MFRR lanza un programa de axuda a xornalistas da UE e países candidatos

Media Freedom Rapid Response, unha alianza europea dedicada e reaccionar ante as violacións da liberdade de prensa, pon en marcha un programa para dar apoio a xornalistas que sofren ataques ou ameazas, con axudas de caracter temporal de apoio legal, económico, loxístico, psicolóxico e de acollemento temporal. Poden presentarse xornalistas e traballadores de medios dos Estados membros da Unión Europea, así como dos países candidatos a entrar na Unión.

A organización europea Media Freedom Rapid Response (MFRR) puxo en marcha un programa de axuda a xornalistas en risco, financiado pola Comisión Europea, que ofrece apoio legal, económico, loxístico, psicolóxico e de acollemento temporal en Alemaña ou Italia a xornalistas e traballadores de medios dos Estados membros da Unión Europea, así como dos países candidatos a entrar na Unión.

O apoio legal inclúe orientación xeral, asistencia para levar un caso aos tribunais, axuda económica para gastos legais ou participación en litixios nacionais e internacionais. O programa tamén prevé axudas urxentes para garantir a seguridade dunha persoa, que poden incluír asistencia médica por lesións laborais, axuda económica puntual para quen non poida traballar, fondos para apoio psicolóxico ou axuda para repoñer material de traballo en casos excepcionais. Todas estas axudas son de carácter temporal e non estrutural, e o obxectivo é que a persoa afectada poida renovar o traballo canto antes. Tamén ofrecen estancias temporais de tres a seis meses en Leipzig (Alemaña) ou Milán (Italia) para quen atravese por unha situación grave de acoso ou intimidación polo labor xornalístico.

A MFRR é unha alianza liderada polo European Centre for Press and Media Freedom que inclúe a Article 19, a Federación Europea de Xornalistas, Free Press Unlimited, o International Press Institute e o Osservatorio Balcani e Caucaso Transeuropa . Esta organización dedícase a rastrexar, supervisar e reaccionar ante as violacións da liberdade de prensa e os medios e con este programa pretende dar apoio a xornalistas que sofren ataques ou ameazas durante o exercicio do seu traballo, incluíndo os ataques en liña.

Para solicitar as axudas pode cubrirse o formulario dispoñíbel na web ou tamén, no caso das personas afiliadas a un sindicato da Federación de Sindicatos de Xornalistas, realizar a petición a través do seu sindicato. A MFRR ten publicado tamén un documento con máis información sobre as axudas e pode solicitarse máis información nos correos electrónicos helpdesk@ecpmf.eu o reportersrespond@freepressunlimited.org

CPXG