A nova lei contra a desinformación de Turquía, considerada un ataque á liberdade de prensa

Este martes entraba en vigor a polémica nova Lei contra a desinformación turca, que establece penas de cárcere de até tres anos por difundir o que se considere como información falsa. A norma, considerada pola súa indefinición e alto alcance como "un dos maiores mecanismos de censura e autocensura" da historia de Turquía, provocou as críticas da oposición, a OSCE, o Parlamento Europeo ou as Nacións Unidas, así como o rexeitamento practicamente unánime das asociacións de xornalistas tanto locais como internacionais. 

O pasado xoves 13, o Parlamento Turco aprobaba a denominada "Lei contra a desinformación" cos únicos votos a favor da coalición de goberno formada polo islamista Partido da Xustiza e do Desenvolvemento, do presidente Recep Tayyip Erdoğan, e o ultradereitista Partido de Acción Nacionalista. A nova norma, que modifica a lei de prensa turca, busca endurecer as medidas contra este tipo de delitos. Entre os seus aspectos máis polémicos, inclúese o artigo 29, que contempla penas de cadea de entre un e tres anos para quen difunda de forma pública información falsa “sobre a seguridade interior e exterior, a orde pública e a saúde pública do país co único motivo de crear ansiedade, medo ou pánico entre o público”. A lei entrou en vigor este mesmo martes.

A nova lei xerou numerosos receos xa desde a súa presentación, motivados tanto pola súa indefinición como polo momento escollido para a súa presentación, poucos meses antes das eleccións presidenciais e parlamentarias en Turquía, previstas para xuño de 2023, polo que se teme que poida ser un instrumento para calar o xornalismo dixital e as críticas ao goberno de Erdoğan. A representante da OSCE para a liberdade de prensa, Teresa Ribeiro, xa pedira a revisión da norma antes da súa aprobación, por considerar que a súas "vagas definicións e amplo alcance" poden facilitar "accións arbitrarias e politicamente motivadas a expensas da liberdade de expresión". Os partidos da oposición rexeitaron fortemente a nova lei e durante a votación producíronse gritos de "Non ao 29!". Desde o Parlamento Europeo e o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos tamén se expresou a súa preocupación polo texto. 

No ámbito da comunicación, foi unánime o rexeitamento ao cambio lexislativo. Sete das principais organizacións de xornalistas turcas emitiron un comunicado conxunto asegurando que esta lei podería significar "un dos maiores mecanismos de censura e autocensura da historia da República", e outras asociacións tamén publicaron as súas propias críticas contra a norma. Así mesmo, unha delegación formada polo Instituto Internacional de Prensa, Amnistía Internacional, Article19, o Comité para a Protección dos Xornalistas, o Centro Europeo de Prensa e a Liberdade de Medios, o Observatorio para os Balcáns e o Cáucaso Transeuropa e Reporteiros sen Fronteiras lembrou que estes ataques contra a liberdade de prensa en Turquía son o resultado "da demonización do xornalismo crítico como ilexítimo e como ameaza á seguridade nacional" e esixiu ás autoridades turcas a inmediata revogación da lei.

CPXG