A nova Lei Europea de Medios fomentará a certificación dos medios na rede

O texto definitivo da futura Lei Europea de Liberdade de Medios, aprobado recentemente pola Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo, recolle a promoción de certificacións para identificar os contidos realmente informativos na Internet, entre os que cita especificamente a Journalism Trust Initiative de Reporteiros Sen Fronteiras. O Colexio de Xornalistas ten en marcha a súa propia certificación para os medios dixitais galegos co Selo NRede.

A Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo aprobou recentemente a versión definitiva da Lei Europea de Liberdade de Medios (EMFA, polas súas siglas en inglés), cuxo percorrido se iniciou en setembro de 2022. A futura norma xa non pode ser enmendada e só ten pendentes a súa aprobación no pleno do Parlamento Europeo en marzo, á que seguirá unha votación no Consello da Unión Europea.

A nova lei busca garantir a a independencia e o pluralismo dos medios na Unión Europea, así como para evitar interferencias políticas nas decisións editoriais e protexer os xornalistas. O texto definitivo da EMFA excluiu definitivamente a posibilidade da espionaxe a xornalistas, que recibira a condena unánime da profesión. Entre os  seus acordos recóllese tamén a promoción de certificacións para identificar os medios fiábeis na rede, entre as que se cita especificamente a Journalism Trust Initiative posta en marcha por Reporteiros Sen Fronteiras

A necesidade de distinguir ente o que é información fiábel e o que non é cada día mais necesaria nos contidos dispoñíbeis na rede. Para contribuír a isto desde o ambito galego, o Colexio de Xornalistas ten posto en marcha, desde hai case un ano, o Rexistro de Medios DIxitais NRede, que funciona como referente e distinción dos medios de comunicación de orixe dixital e de ámbito galego.

Entre os aspectos máis relevantes da EMFA está a protección da independencia editorial, a prohibición do uso de programas espía, o estabelecemento dun financiamento estábel e garantías de pluralidade nos medios públicos, o control e supervisión da concentración mediática ou das medidas xudiciais ou administrativas contra os medios, a garantía de transparencia e non discriminación na publicidade institucional, a protección do contido online e a creación do dereito do usuario a personalizar a oferta mediática que recibe en función das súas preferencias.

CPXG