A PDLI publica o seu informe sobre a liberdade de información en España
O relatorio La libertad de información en España do ano 2025, feito público recentemente pola Plataforma en Defensa da Liberdade de Información, advirte do risco dunha normalización das ameazas persistentes ao exercicio do xornalismo, que poden acabar deteriorando gravemente a liberdade de prensa. O documento recolle unha serie de ataques contra as e os xornalistas e proxectos normativos que afectan á liberdade de información, ademais de apuntar as liñas que marcaran a evolución deste dereito neste novo ano e recomendar unha serie de actuacións aos poderes públicos.
A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI) vén de presentar o seu informe La libertad de información en España, correspondente ao ano 2025, no que se constata que aínda, que a nivel xeral, "se garante o pluralismo e a liberdade dos medios", continúan a existir "ameazas persistentes" contra o exercicio do xornalismo, entre as que salientan a seguranza dos e das profesionais, o incremento das presións políticas e económicas, a utilización de demandas SLAPP, as dificultades de acceso á información pública, a elevada concentración da propiedade dos medios e novas formas de censura ou restricións dixitais. Desde a PDLI advírtese que o risco non está só na existencia de incidentes illados, senón especialmente na súa normalización, que deteriora progresivamente a liberdade de información.
O estudo documenta unha serie de agresións físicas, ameazas contra xornalistas, ataques durante a cobertura de manifestacións, e episodios de intimidación, tanto desde actores privados como desde cargos públicos. Entre eles destaca especialmente a imputación de varios xornalistas por publicar un informe policial relacionado coa causa contra o daquela Fiscal Xeral do Estado. Constata tamén o relatorio un aumento de comparecencias institucionais sen quenda de preguntas, os adiamentos reiterados no acceso á información pública e a ausencia de avances na reforma do réxime de segredos oficiais. Por último, detalla varias reformas e proxectos normativos que teñen impacto sobre a liberdade de prensa: o Anteproxecto de Lei de Gobernanza Democrática en Servizos Dixitais e Medios de Comunicación, a reforma do dereito de rectificación no entorno dixital, o Anteproxecto de Lei Orgánica do Segredo Profesional dos xornalistas e o Proxecto de Lei de Información Clasificada.
De cara a este ano 2026, a PDLI apunta algúns factores clave que poden marcar a evolución da liberdade de información a nivel estatal: a tramitación e aprobación das reformas lexislativas pendentes, a aplicación efectiva do Regulamento Europeo de Liberdade dos Medios (EMFA) e do Regulamento de Servizos Dixitais (DSA), a transposición da Directiva europea contra as demandas SLAPP, a evolución do acceso á información pública y da transparencia institucional, o aumento do acoso dixital e da polarización política e as garantías de pluralismo e independencia dos medios públicos.
Finalmente, o informe recolle unha serie de recomendacións para os poderes lexislativos e as administracións públicas, entre as que se encontran reforzar o segredo profesional limitando estrictamente as súas excepcións; garantir que a lei de información clasificada incorpore prazos razoábeis e mecanismos independentes de revisión, evitar o uso discrecional de sancións que poidan restrinxir el acceso dos medios aos parlamentos; asegurar que a regulación do entorno dixital respecte plenamente a liberdade de información e o control judicial e protexer activamente os e as xornalistas fronte a agresións, acoso e presións xudiciais.
CPXG