A profesión lembrou este sábado o compromiso, a ilusión e a reivindicación do xornalismo de Begoña Caamaño
A Casa das Máquinas de Santiago acolleu este sábado 25 de abril a xornada Poñer a voz, un encontro celebrado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, para reivindicar o traballo xornalístico de Begoña Caamaño, a homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas, ao tempo que se reflexiona sobre a situación presente e pasada da profesión. Organizado baixo a programa de radio ao vivo, presentado por Mónica Rosas, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas e redactora dos Servizos Informativos da CSAG, a ocasión xuntou máis de sesenta persoas, a meirande parte delas comunicadoras de distintas xeracións, que se reuniron para lembrar a figura dunha xornalista profesional, xenerosa e comprometida.
A primeira das mesas redondas xuntou a María Xosé Porteiro e Ana Romaní, cofundadoras xunto a Caamaño de Mulleres Galegas na Comunicación (Mugacom), e Marga Tojo, representante das Xornalistas Galegas, e estivo centrada no compromiso dunha muller que nas palabras de Porteiro, tiña "un xeito de estar no mundo que non era nunca pasivo" e que, como lembrou Mónica Rosas, "formou parte de mil iniciativas pero fundamentalmente se definía como xornalista e como feminista". O debate reflexionou principalmente sobre o pasado e o presente das dúas liñas cara ás que se enfocou o traballo de Mugacom: as condicións das mulleres nos medios (para o que Porteiro reclamou falar de "violencia profesional") e o que se transmite desde eles (denunciando retrocesos no tratamento da violencia de xénero), mais tamén sobre outros aspectos que atravesaban o xornalismo de Caamaño. Así, Romaní afirmou que no seu traballo hai unha "reivindicación do medio radiofónico como un medio no que se escribe". Como fórmula para recuperar ese xornalismo comprometido, Marga Tojo reivindicou que "o coidado do colectivo é unha das cousas das que temos que falar", porque "a perda de identidade do xornalismo vai en detrimento do propio xornalismo".
No segundo dos debates participaron Pablo Lago, que traballou nos seus inicios con Begoña Caamaño; Sonia Díaz, da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social Agareso; e Lucía Junquera, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas e responsábel do podcast Poñer A Voz. Nesta segunda mesa, reflexionouse sobre o devir dunha profesión á que Caamaño chegou, segundo dixo Lago, "por amor" e na que desbordou toda a súa enerxía tendo sempre "moi claro que o xornalismo era un servizo público", como recordou Mónica Rosas. A reflexión dirixiuse cara a moitos problemas do xornalismo actual, como a confusión de información e opinión ou a xeneralización do periodismo de despacho e declaracións, mais tamén houbo espazo para a confianza no futuro: "Canto máis coñezo de Begoña, máis recoñezo en min esa ilusión", afirmou Junquera. Así mesmo, elevaronse algunhas reclamacións sobre os medios públicos, como a necesidade de pór en marcha un arquivo público que permita o acceso aos fondos da Radio Galega. "Boto moitísimo en falta escoitar as crónicas de Bego", declarou Sonia Díaz.
Poñer A Voz foi introducido polo secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, quen recordou que Caamaño "foi moitas cousas (escritora, activista cultural, activista política...), pero sobre todo foi comunicadora"; e pola alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín, quen cualificou o encontro como "completamente necesario" porque "a Bego sobre todo lle encantaba conversar". Ademais, tanto a irmá da homenaxeada, Bea Caamaño, como varios compañeiros xornalistas (Eva Sandino, Concha de la Fuente, Anxo Quintela e Concha Cid Fuentes) leron distintos textos de Begoña Caamaño sobre temáticas como a violencia de xénero, o compromiso político, o internacionalismo ou os medios públicos, entre eles un inédito escrito para unha radio portuguesa sobre o 25 de abril. O acto contou tamén coa actuación de Uxía, que adiantou dúas pezas do seu próximo disco Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, e pechouse con todo o público asistente entoando o Grândola, vila morena.
CPXG




