A quinta edición de Xornalismo na Escola “la Caixa” imparte un novo obradoiro no IES de Quiroga

‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia, continúa o seu labor en Quiroga cun novo obradoiro este venres 4 de decembro no IES da localidade.

Logo do obradoiro realizado o pasado día 2 de decembro, o IES de Quirogo acollerá un novo taller de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ este venres, entre as 12:50 a 14:30 horas, impartido polo xornalista Xavier López Quiroga. Mestre ademais de xornalista, López Quiroga foi delegado de El Progreso na Ribeira Sacra e finalista nos Premios de Comunicación de Galicia. 

Esta actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Neste momento no que o panorama mediático está invadido pola sobreinformación e as 'fake news', os talleres incluirán un apartado sobre a Covid-19, para fornecer os estudantes con ferramentas para enfrontarse á desinformación neste tema e comprender mellor a información científica. E por suposto, respectando de maneira escrupulosa todas as medidas de seguranza.  

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG