A Rede de Colexios rexeita o cambio introducido polo Goberno na designación dos membros do Consello de Administración de RTVE
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas rexeita a decisión do Goberno de rebaixar a esixencia dun consenso reforzado para que as Cortes designen aos membros do Consello de Administración da Corporación RTVE e ao seu presidente, tal e como recolle o Real Decreto-Lei 5/2024, de 22 de outubro, polo que se modifica a Lei 17/2006, de 5 de xuño, da radio e a televisión de titularidade estatal, para adoptar medidas urxentes relativas ao réxime xurídico aplicable á Corporación RTVE aprobado este martes en Consello de Ministros e publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado que modifica os artigos 4, 10.1, 11, 12, 15.1, 15.2, 16.4 e 20.2 da vixente lei.
A escusa de que, coa actual composición do Congreso dos Deputados, ningún partido, tampouco os que forman parte do Goberno, terá o control do Consello, trata de ocultar a realidade de que, con esta reforma, no futuro calquera Executivo que conte con maioría absoluta na Cámara Baixa terá nas súas mans o control dos contidos, en particular os servizos informativos, da radio e a televisión públicas. É exactamente o mesmo obxectivo que persegue a Xunta de Galicia coa reforma da Compañía de RTVG que tramita o Parlamento de Galicia para perpetuar o seu dominio absoluto sobre a radiodifusión autonómica galega.
Garantir a independencia da Corporación RTVE é posible, pero non a través dunha reforma que abre a porta a incrementar o seu sometemento aos partidos políticos no canto de pórlle fin. Para que os medios públicos poidan desenvolver o seu traballo con criterios estritamente profesionais é imprescindible que a representación do Congreso e do Senado no Consello de Administración da Corporación sexa minoritaria, tal e como recomendou en 2005 o Consello para a Reforma dos medios de comunicación de titularidade do Estado.
Aquela proposta, que os sucesivos gobernos desprezaron, debuxaba un consello con oito membros, dos cales o Congreso e o Senado só decidirían catro (dous por Cámara) mediante maioría reforzada de dous terzos, a proposta de polo menos a metade dos grupos parlamentarios e previo exame de idoneidade ante a Comisión parlamentaria correspondente. Outros dous designaríanos os dous sindicatos máis representativos de RTVE, e os dous últimos nomearíaos o Consello Audiovisual de España, un órgano independente que existe na práctica totalidade dos países da nosa contorna, pero que en España só puxeron en marcha algunhas comunidades autónomas.
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas reclama a modificación urxente do Real Decreto Lei de reforma que entrará en vigor mañá co fin de facer posible o modelo deseñado polos expertos en 2005 ou un equivalente no que a presenza de representantes da política sexa minoritaria e a elección do presidente da Corporación sexa competencia do Consello.
Os Colexios esixen, ademais, que o Goberno e os partidos políticos conten coa súa opinión para regular os medios públicos de ámbito estatal, autonómico ou municipal, porque son as únicas organizacións que legalmente representan aos xornalistas en España cunha encomenda expresa: a defensa do dereito á información e a autoesixencia profesional.
Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada por nove Colexios Profesionais de Xornalistas (Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco).
Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas