A Rede de Colexios critica que o Goberno non conte coa profesión para elaborar as medidas sobre xornalismo
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas volve manifestar o seu rexeitamento perante a decisión do Goberno de non contar cos colexios profesionais para a elaboración das medidas recollidas no seu ‘Plan de Acción pola Democracia’ e que teñen que ver coa profesión xornalística.
Cando, no mes de xullo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que presentaría unha nova Lei de Publicidade Institucional e manifestou que abriría un proceso de consultas cos grupos parlamentarios, medios de comunicación, sociedade civil e a academia, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas fixo público un comunicado esixindo a súa participación activa no devandito grupo de traballo. Dous meses despois, ningún representante do Goberno se puxo en contacto coa Rede para a elaboración da devandita lei nin para o resto de medidas relacionadas co xornalismo e os medios de comunicación anunciadas antonte en rolda de prensa tras a celebración do Consello de Ministros. Desde a Rede faise fincapé en que calquera actuación relativa ao dereito á información que deixe á marxe aos colexios de xornalistas é unha intromisión que afecta, discrimina e provoca desigualdades, non só entre os profesionais da información, senón entre a cidadanía das diferentes comunidades autónomas.
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas anuncia que se mostrará vixiante para que calquera lei que pretenda loitar contra os bulos e a desinformación non sirva de escusa para coartar a liberdade de prensa, un dos piares fundamentais de calquera sociedade democrática. Así mesmo, a Rede esixe que a asignación dos 100 millóns de euros a axudas para a dixitalización dos medios, recollidos no ‘Plan de Acción pola Democracia’, conte con total transparencia e desta maneira evitar a utilización de diñeiro público para uns fins afastados do interese xeral.
Rexistro de medios de comunicación
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas lembra ao Goberno que xa existen Rexistros Oficiais de Medios Dixitais en Andalucía, Castela e León, Galicia e Murcia, impulsados polos colexios das devanditas comunidades autónomas. Estes rexistros permiten á cidadanía identificar os medios de comunicación xornalísticos do resto de contidos que existen na internet e, ademais, poñen en valor o servizo público desenvolvido por estes medios dixitais así como a súa achega ao pluralismo, a liberdade de prensa e a participación cidadá. Estes medios, para ser considerados como tales, deben demostrar o cumprimento de requisitos profesionais, empresariais, legais e éticos. Uns parámetros, especialmente os profesionais e éticos, que só poden e deben ser valorados polas organizacións colexiais de xornalistas que son as que, polas súas propias leis de creación, representan o interese público que supón o exercicio xornalístico.
Así, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos NRede, posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, agrupa xa a dezanove cabeceiras acreditadas coa certificación que garante que a súa información é froito dun traballo profesional, e os medios interesados seguen a poder solicitar a súa inscrición, gratuíta se a tramita unha persoa colexiada, a través da páxina web do Colexio.
Do mesmo xeito que xa fan os colexios nas súas respectivas comunidades, a nivel nacional esa responsabilidade debe corresponder ao Consello Xeral de Colexios Profesionais de Xornalistas, cuxa lei de creación levan anos demandando os xornalistas.
Creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas lembra a todos os grupos parlamentarios representados no Congreso dos Deputados a necesidade de que se aprobe a lei de creación do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Xornalistas, un organismo independente e fundamental para regular o sector e evitar que se produzan situacións de desinformación. A creación do Consello de Colexios Profesionais de Xornalistas facilitaría a posta en marcha de medidas que son cruciais para o correcto desenvolvemento da profesión, como o control e regulación da repartición da publicidade institucional, con transparencia e criterios técnicos ou a posta en marcha dun estatuto específico para a profesión xornalística.
Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada por nove Colexios Profesionais de Xornalistas (Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).
REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS