A Rede de Colexios de Xornalistas pide garantir a profesionalidade e independencia na nova dirección da RTVE

Con motivo da dimisión de José Manuel Pérez Tornero como presidente da Radiotelevisión Española (RTVE), a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas quere lembrar que os medios públicos deben rexerse polos principios de calidade, profesionalidade, independencia, pluralidade e viabilidade, e sobre todos eles deben realizarse tanto a elección da presidencia como todas as decisións do novo mandato.

En decembro de 2018, a Rede de Colexios lanzaba o seu Manifesto sobre os medios de comunicación públicos, no que, á vez que se destacaba que son unha ferramenta imprescindíbel para garantir o acceso universal á información, apuntábanse algunhas medidas precisas para que esta sexa de calidade, plural e independente. Os criterios expostos entón continúan a ser válidos e necesarios fronte á situación actual da RTVE.

En concreto, os medios públicos deben estar dirixidos por persoas con criterios estritamente profesionais, elixidas por un concurso de méritos aberto e transparente, e non polo mercadeo entre partidos. A súa actividade debe quedar á marxe de presións políticas, económicas ou empresariais, para actuar unicamente polo interese da cidadanía. Para garantir esta profesionalidade e independencia, é importante a participación do Consello de Informativos e outros órganos profesionais no desenvolvemento da actividade mediática.

A procura permanente da excelencia e a realización de contidos dirixidos, sen exclusión, a toda a poboación han ser tamén motores da programación destes medios. Unha vez máis, a independencia e a profesionalidade son as mellores garantías desta calidade e pluralismo. Lembramos tamén a necesidade de que os medios públicos se doten de recursos económicos suficientes para responder á misión de servizo que teñen encomendada, así como de medidas para incorporar a perspectiva de xénero e asegurar a igualdade como principio básico.

Por todo iso, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas reclama que estes principios sexan os alicerces sobre os que se realice a elección da nova presidencia de RTVE, así como a súa actividade futura. Resultaría incomprensíbel renunciar unha vez máis á construción dos medios públicos que merece a sociedade española. O modelo do control político e os cargos partidarios xa mostraron demasiadas veces no pasado o seu fracaso tanto a nivel informativo como de viabilidade.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas