A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas rexeita as condicións impostas por LaLiga para a retransmisión da primeira división masculina de fútbol
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas quere expresar o seu profundo rexeitamento a algúns dos aspectos do prego de condicións para a comercialización dos dereitos de explotación do campionato nacional de Liga en España, que significan un retroceso no dereito á información da cidadanía. O control que quere impoñer LaLiga nos contidos, comentarios e imaxes sobre esta competición deportiva só pode entenderse como un ataque á profesión xornalística e imposibilita na práctica a información libre sobre a competición masculina de fútbol.
En concreto, no punto 2.8 do prego de condicións estabelécese que o adxudicatario dos dereitos da retransmisión se compromete “a que a personalización da produción sexa realizada de forma positiva, evitando danar a imaxe das Competicións, Clubs, xogadores, adestradores e público”, podendo LaLiga “solicitar a substitución daqueles locutores, narradores, comentaristas e redactores que incumprisen os principios citados”.
Esta esixencia atenta claramente contra a independencia das e dos comunicadores, un alicerce esencial do dereito á información, evitando que realicen o seu traballo libremente ao lles impór a salvagarda da imaxe dunha parte claramente interesada como é LaLiga. É preciso lembrar que a propia Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia xa expresou a súa preocupación por esta cuestión, estabelecendo nun informe que “debe ser reconsiderada á luz do artigo 20 da Constitución e as liberdades de expresión e información”.
Así mesmo, a patronal do fútbol resérvase a produción audiovisual dos partidos, así como as repeticións e resumos dos mesmos. Este control das imaxes, que xa se viña desenvolvendo nos últimos anos, pero que se consuma neste contrato, limita tamén o dereito á información, e pode ser equiparado á práctica nefasta dalgúns partidos políticos en campañas electorais, que impiden o acceso das cámaras aos mitins para substituir a captación libre de imaxes pola facilitación dun sinal realizado ou de gravacións de vídeo.
É necesario lembrar que este tipo de ataques contra a profesión xornalística non van só contra os e as profesionais da comunicación. O verdadeiro prexudicado do control dos contidos é o conxunto da cidadanía, que ve cernado o seu dereito a unha información libre. E este dereito debe ser defendido sen concesións en todo tipo de contidos informativos, tamén sen dúbida nos do xornalismo deportivo.
Rede de Colexios Prodesionais de Xornalistas