A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas rexeita o veto de Amazon ao libro 'COVID-19-Periodistas'

A Rede de Colexios de Xornalistas apoia públicamente ao xornalista Pedro Lechuga que solicitou o amparo de distintas organizacións profesionais despois que a plataforma Amazon lle negase a posibilidade de vender o seu libro COVID-19-Periodistas amparándose na defensa do seu compromiso de publicar só información oficial sobre a enfermidade.

Segundo explicou o autor da obra, o obxectivo do libro que pretendía distribuír non é outro que analizar e ofrecer unha visión de conxunto sobre como os distintos medios de comunicación trataron esta crise global, desde a perspectiva dos xornalistas, pondo o foco en "como se comportaron os respectivos Gobernos e o control da información que levaron a cabo, cal foi a actitude da cidadanía, o impacto das redes sociais, a proliferación dos bulos, a importancia da liberdade de prensa, o sensacionalismo presente nalgúns medios e os erros e acertos protagonizados polos xornalistas durante a pandemia, entre outros aspectos".

Desde a Rede de Colexios de Xornalistas consideramos que a relevancia desta análise cobra maior protagonismo se tivermos en conta que os medios de comunicación foron e seguen a ser un factor clave, declarado en España como servizo público esencial, para trasladaren á poboación minuto a minuto o avance da pandemia, as normas que os distintos gobernos e autoridades sanitarias foron adoptando e a evolución en todo caso da enfermidade en cada punto da xeografía, nacional, europea e mundial.

Para iso, Pedro Lechuga contactou cun total de 19 xornalistas de diferentes países de todo o mundo: Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, China, EUA, Exipto, España, Francia, Inglaterra, Italia, Marrocos, México, Países Baixos, Portugal, República Dominicana, Rusia, Turquía e Venezuela. Países con diferentes niveis de liberdade de prensa e garantías do dereito á información, así como con comportamentos e características mediáticas moi distintas, que ofrecerían unha visión tamén relevante sobre os efectos que esas formas múltiplas de abarcar e trasladar a información poden ter sobre a propia crise. Cómpre lembrar que en España ese trato foi especialmente polémico no momento en que se limitaron as rodas de prensa presenciais, instante en que a Rede tivo que intervir para reclamar máis transparencia e participación directa e aberta dos xornalistas durante as comparecencias do Goberno e evitar o filtrado previo das preguntas por parte do Secretario de Estado de Comunicación.

A Rede considera que o argumento aportado por Amazon para censurar este libro, que "os cidadáns só teñen que ter acceso ás fontes oficiais", é recomendable cando se trata de evitar bulos ou desinformación sobre a propia pandemia, pero non é este o caso, xa que xustamente para que a cidadanía poida contrarrestar e confrontar a información é importante coñecer como foi abordada e trasladada, desde un punto de vista crítico que é precisamente o que fan os xornalistas. Ademais, sinala o autor do libro, este veto produciuse sen tan sequera ler a obra completa e baseouse unicamente no titular, a capa e unha breve descrición, sendo pois un algoritmo o que decide o que pode e non pode ler a cidadanía.

A Rede de Colexios de Xornalistas apoia ao autor e rexeita esta "tiranía do algoritmo", que vai impedir que a través dunha das principais plataformas dixitais de distribución que existen na actualidade se escoite a voz de 19 xornalistas sobre unha crise mundial que ten un evidente interese público. Ademais, chama a atención o feito de que a plataforma mostre na actualidade máis de 10.000 produtos no seu departamento de libros relacionados coa COVID-19, pero que tan só ofreza 3 na procura "Covid19 e periodistas", e só un deles está relacionado coa experiencia vital dun xornalista afectado pola enfermidade. Cómpre, xa que logo, preguntarse se o veto é sobre a COVID-19 ou se é a palabra periodista a que provocou o rexeitamento.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas