A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas solidarízase con Ignacio Cembrero e insta ao goberno marroquí a cesar os ataques á liberdade de información

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas quere expresar a súa solidariedade con Ignacio Cembrero fronte á denuncia interposta polo Goberno de Marrocos a raíz de que o xornalista vinculara o reino alauita como sospeitoso da espionaxe do seu teléfono móbil. A Rede considera esta demanda un novo episodio da intolerábel persecución que o réxime magrebí realiza contra Cembrero e, en xeral, contra o conxunto de profesionais que producen información independente sobre Marrocos.

Hai case un ano, Forbidden Stories publicaba que o nome de Ignacio Cembrero, xornalista especializado en información sobre o Magreb, figuraba entre outros 10.000 obxectivos de espionaxe mediante o programa Pegasus. A asociación de xornalistas de investigación apuntaba neste e outros casos á autoría do goberno marroquí, como fixeron igualmente outros medios de comunicación, apoiados en numerosos indicios. Do mesmo xeito, Cembrero indicou que Marrocos podería estar por tras da infección do seu teléfono, citando na meirande parte dos casos a información de Forbidden Stories.

Agora, o goberno magrebí presenta unha denuncia contra Cembrero por estas declaracións, que cualifica de “graves imputacións” e que asegura que poden manchar “a súa imaxe dentro de España e internacionalmente”. A demanda é similar ás que o réxime marroquí xa interpuxera contra diversos xornalistas franceses, que foron desestimadas. Pero, ademais, desde 2014 esta é a cuarta ocasión na que Marrocos inicia accións legais contra Cembrero, todas elas resoltas a favor do xornalista, nunha progresión que só se puede cualificar de acoso contra o comunicador español.

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas considera que o que verdadeiramente dana a imaxe internacional do Reino de Marrocos é o ataque constante que realiza ás libertades de expresión e de prensa, sexa en territorio marroquí, no Sáhara occidental ocupado ou, como neste caso, contra profesionais que informan sobre o país desde o exterior. Cómpre lembrar que o réxime magrebí ocupa o posto 135 (de 180) na Clasificación da Liberdade de Prensa de Reporteiros Sen Fronteiras, mostrándose como un exemplo das peores políticas contra o dereito á información.

Por todo isto, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas esixe ao goberno magrebí que retire a demanda interposta contra Ignacio Cembrero, cese nos ataques contra informadores e dea pasos para que o dereito á información recollido na constitución marroquí sexa algo máis que papel mollado. De igual modo, insta ao goberno español a realizar presións diplomáticas para garantir que calquera profesional do xornalismo, especialmente aqueles que traballan desde España, poidan informar libremente sobre o país veciño.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

La Red de Colegios Profesionales de Periodistas se solidariza con Ignacio Cembrero e insta al gobierno marroquí a cesar los ataques a la libertad de información