A Rede de Colexios reclama que se compense as opositoras e opositores da RTVE

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas lamenta profundamente a situación provocada pola suspensión das oposicións a informadores e informadoras da Radiotelevisión Española (RTVE) e esixe ao ente público unha investigación transparente, a depuración de responsabilidades e unha compensación ás persoas afectadas.

A suspensión este domingo, no último momento, da proba de oposicións a persoal de información e contidos da Radiotelevisión Española significa un trastorno tremendo para os e as aspirantes que se desprazaron até o campus de Somosaguas da Universidad Complutense de Madrid. A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas solidarízase con todos eles por uns inconvenientes que se ven agravados ao se tratar dun proceso totalmente centralizado, ao que acudían xornalistas de todo o territorio estatal e mesmo doutros países.

Resulta lamentábel que este último episodio, dentro dun proceso de oposicións que xa foi de por si extremadamente tortuoso, deteriore unha vez máis a credibilidade dos medios públicos, tan necesarios dentro do noso ecosistema informativo, así como o seu sistema de contratación. Ao mesmo tempo, esta situación axuda a aumentar a precariedade de moitas e moitos xornalistas, que levan xa años dedicando tempo e esforzo a unhas oposicións que se ven novamente adiadas.

Por todo isto, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas solicita que se investiguen a fondo, e con total transparencia, as causas que deron lugar a esta suspensión, depurando as responsabilidades necesarias por unha situación tan grave. Así mesmo, e aínda que boa parte do dano sexa xa irreparábel, reclama que se compense, da maneira máis xusta posíbel, a todas as persoas que se desprazaron á proba.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada por nove Colexios Profesionais de Xornalistas (Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco).

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas