A televisión busca novas pantallas

A televisión escapou do televisor e vai camiño de coarse nos automóbiles e os teléfonos móbiles, grazas a novos dispositivos presentados en Las Vegas para que o espectador nunca teña que perderse un partido de fútbol.
O que xa anunciou o ano pasado en Oviedo o xornalista Juan Cueto co título de "pantalla nómade" constátase estes días na gran feira tecnolóxica de Las Vegas.

Nos últimos anos especulouse que o PC e a internet gañarían a batalla contra a televisión, en vista de que os novos sentan cada vez menos diante do televisor. Pero parece que o ordenador non xubilará á televisión, segundo se puxo de manifesto na Feira internacional da electrónica (CES), que ten lugar na capital dos casinos.

Mentres o audio saltou da vella radio a internet, ata fai moi pouco a televisión viuse maioritariamente confinada ó aparello na esquina da sala de estar. As cousas comezaron a cambiar, porén. Robert Iger, o máximo executivo de Walt Disney, gabouse de que 'Lost', un dos programas máis vistos de ABC, "pode ser descargado a teléfonos móbiles case en calquera lugar do mundo, mesmo unha illa". O seguinte paso é eliminar a barreira entre os aparellos na casa, o que no argot tecnolóxico se chama 'converxencia'.

Así, Pinnacle presentou unha nova versión do seu PCTV, que permite ó consumidor ver nun ordenador cunha conexión a internet os programas en alta definición que recibe no televisor da súa casa, aínda que leve o portátil de viaxe. Na dirección contraria, Open Media Network anunciou que ofrecerá un sistema para trasferir do PC ó televisor os vídeos almacenados no disco duro. E Samsung presentou unha nova tecnoloxía que permitirá recibir emisións dixitais de televisión no automóbil ou no móbil.

Por outra parte, o salto na capacidade reprodutora dos televisores obrigará a filmar con maior calidade e maior atención ó detalle, segundo destacou nunha das presentacións na feira Jerry Bruckheimer, produtor de 'Piratas do Caribe'. Claro que algunhas personalidades da pantalla, incluída a xornalista Diane Sawyer, xa se queixaron, pois a alta definición revela as enrugas, os grans e as olleiras coa claridade desapiadada dun espello no servizo. Un cambio máis radical que a calidade da imaxe será a volta no modelo polo que se rexeu a televisión desde a II Guerra Mundial.

LAS VEGAS
LA NUEVA ESPAÑA