A terceira edición da bolsa Nacho Mirás premia un medio dixital para nenos e un programa de radio sobre o Val de Barcala

Presentación da III Edición da Bolsa Nacho Mirás para novos titulados (Foto: CPXG)

O xurado da terceira edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, decidiu premiar os proxectos Pícaros.gal, un medio dixital en galego para nenos e nenas de entre 7 e 11 anos ideado por Sabela Direito, e O Quinteiro, un programa de radio sobre a xente e na terra do Val de Barcala proposto por Olalla Liñares, destacando especialmente o primeiro deles.

Pícaros.gal é un medio de comunicación dixital en galego para os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos. Concibido como unha plataforma de divulgación das noticias políticas, económicas, deportivas, culturais e tecnolóxicas, o obxectivo é achegar ao público infantil a información cunha linguaxe adaptada á súa idade. A combinación de recursos multimedia e interactivos farán máis atractivo o acceso e o consumo das novas.

O proxecto foi presentado por Sabela Direito Rebollal, graduada en Comunicación Audiovisual e Máster en Comunicación e Industrias Creativas pola USC e Diplomada en Guión de Cine e Televisión polo Instituto del Cine de Madrid. Actualmente, é doutoranda en Comunicación e información contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela e visiting scholar na University of Hull (Reino Unido). As súas liñas de investigación céntranse na innovación nos medios de comunicación, tanto públicos como privados, e nas transformacións das audiencias no novo ecosistema mediático.

O Quinteiro proxéctase como un programa radiofónico semanal co foco posto na xente e na terra do Val de Barcala. Un espazo no que coñecerse e compartir saberes, historias, lembranzas, cantos e contos. Artéllase a través dunha serie de monográficos centrados en diferentes aspectos relacionados coa cultura tradicional e co patrimonio inmaterial galego, tomando como referencia xeográfica a comarca barcalesa. Conta co apoio infraestrutural e difusor de Radio Negreira, ademais de presentarse en formato podcast con licenza Creative Commons.

Este é o proxecto de ​Olalla Liñares García, graduada en Xornalismo e máster de Profesorado con Especialidade en Lingua e Literatura Galega pola USC e máster Universitario en Literaturas Hispánicas no Contexto Europeo opola UNED. Ten colaborado con Radio Negreira e realizado as prácticas no Diario Cultural da Radio Galega. Estreitamente relacionada co eido da cultura tradicional, forma parte de colectivos como Enreguéifate ou a Asociación Cultural Afonso Eanes.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

Punto e volta, un proxecto multimedia sobre música e baile tradicional coordinado por Alejandro Gándara Porteiro, e Mediamapa.gal, un mapa interactivo dos medios galegos elaborado por María Cruz Negreira Rey, foron os proxectos gañadores da primeira edición da bolsa 'Nacho Mirás', mentres que Feira, unha idea de Laura Santos Esmorís e Jorge Vázquez Herrero para realizar un documental web interactivo sobre o papel da feira na Galicia actual, foi o galardoado o ano pasado.

O xurado estivo formado por tres membros da Xunta de Goberno do CPXG (Francisco X. González Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario), un representante de Abanca (Isaac González), un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Xosé López) e tres xornalistas en activo (Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela).

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

CPXG