A undécima edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’ ábrese a premiar proxectos de toda a profesión

  • De esquerda a dereita, Iria Ramos, Xoel Rodríguez, Belén Regueira, Alba Silva e Ramón Mariño na presentación da Bolsa
  • Público asistente durante a presentación de Trescentostrece

Esta mañá presentouse en Santiago a XI Bolsa ‘Nacho Mirás’ para proxectos xornalísticos, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A esta nova edición, que ten aberta a recepción de propostas até o 15 de setembro, pódense presentar todos e todas as xornalistas, aínda que se seguirá valorando especialmente as propostas de estudantes de último curso ou persoas que acadaran o título nos últimos cinco anos. 

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación da undécima edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e patrocinada por Abanca. A bolsa conta cunha dotación de 6.000 euros, destinada a promover novos proxectos xornalísticos, e conta coa colaboración da propia Facultade.

A edición deste ano ten como novidade que se elimina a restrición de ter acadado o título nos últimos cinco anos, polo que se poden presentar á bolsa todas e todos os xornalistas titulados, estudantes de último ano e/ou colexiados e colexiadas do CPXG. Con todo, ao dirixirse a proxectos novos, a bolsa pon especialmente o foco nas e nos xornalistas noveis. O prazo de recepción de propostas estará aberto até o 15 de setembro deste ano.

O acto de presentación foi aberto pola vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, quen lembrou ao alumnado que a bolsa "honra a memoria dun compañeiro da nosa Facultade", que as novas xeracións xa non puidero coñecer mais que "inundou as aulas de Xornalismo co seu bo facer". Silva asegurou que esta iniciativa é "unha oportunidade incríbel para darlle vida ás ideas que tedes agora na cabeza" e recordou que desta bolsa saíron proxectos que se convertiron en saídas profesionais.  

A continuación, Ramón Mariño Pérez, director de Zona de Abanca en Santiago manifestou o pracer da entidade en apoiar desde a súa primeira edición esta iniciativa, coa convicción de que "o xornalismo non é só un oficio, é un piar indispensábel dunha sociedade plural, libre, e sobre todo democrática" e a preocupación de que coa desinformación e os ataques a profesión está a pasar un momento delicado. Neste sentido, asegurou, "o futuro da comunicación na nosa terra está en boas mans" con proxectos como os xurdidos da Bolsa Nacho Mirás.

Finalmente, Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, debullou as características desta undécima edición, destacando que está pensada principalmente para os e as xornalistas noveis porque "ao final isto é unha aposta por vós e polo futuro, porque a profesión necesítavos e o mundo necesítavos". Así, Regueira animou ás e aos estudantes presentes a aproveitar esta oportunidade "para poder facer xornalismo, e o xornalismo que vosoutros queirades".   

Trescentostrece

Ao remate do acto presentouse tamén o traballo gañador da edición anterior. Trescentostrece é un proxecto divulgativo que busca percorrer os 313 concellos de Galicia para contar, dende cada un deles, a diversidade cultural, social e histórica do país. O proxecto foi presentado por Paula Pérez Cantelar, Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía e utiliza vídeos en formato vertical, cun enfoque explicativo e de arredor dun minuto de duración en TikTok e en Instagram, xunto con stories en ámbas as dúas plataformas. O contido está organizado en cinco seccións: Como se fan... (receitas de pratos senlleiros), Disque... (lendas e tradición oral), Foi veciño... (persoeiros e historias de vida), Sabías que... (curiosidades) e Un domingo en... (plans para visitar o concello). A intención é achegar á cidadanía –especialmente á xente nova– historias que non sempre ocupan espazo nos medios tradicionais. 

Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía presentaron o proxecto, que se estreará definitvamente o próximo 15 de maio, cun vídeo semanal e outros contidos adicionais, e proxectaron un avance do que poderá verse en Trescentostrece, ademais do vídeo correspondente ao concello de Moaña. O obxectivo da iniciativa, segundo Iria Ramos, é "non só ver Galicia desde o Eixo Atlántico ou as cidades, senón mostrar tamén o rural desde unha perspectiva á que non estamos afeitos a velo, a das redes sociais". Xoel Rodríguez asegurou que a bolsa significa para eles "sobre todo unha forma de poder iniciar un traballo xuntos", posto que "desde o comezo da carreira queriamos facer algún tipo de proxecto pero non podiamos levalos adiante". "É o proxecto da amizade", sentenciou Ramos, quen convidou ao alumnado a tecer lazos porque "hai unhas redes moi importantes na profesión que se sustentan no respecto mutuo e na amizade". 

A bolsa Nacho Mirás para xornalistas

Poderán concorrer a esta convocatoria xornalistas titulados, estudantes de último ano e/ou colexiados e colexiadas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con proxectos profesionais orixinais novos ou iniciados como máximo un ano antes desta convocatoria. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación, e tamén poderán presentarse proxectos xurdidos de Traballos de Fin de Grao ou Fin de Máster. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ademais, terase en conta de maneira especial aqueles proxectos presentados por estudantes de xornalismo e comunicación audiovisual no seu último ano de grao e os proxectos presentados por xornalistas licenciados nos últimos cinco anos.

O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por tres membros da Xunta de Goberno do CPXG, un dos cales exercerá como secretario/a, unha persoa representante de Abanca, unha representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e dous ou tres xornalistas en activo. O fallo do xurado darase a coñecer nas semanas seguintes á data límite de recepción de propostas.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022), Quen son elas? (2023), A Vozes, cultura zeta e (Des)facendo Galicia (2024) e Trescentostrece (2025).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG