A Unesco alerta dun retroceso histórico na liberdade de expresión
No seu último informe sobre liberdade de expresión e desenvolvemento dos medios, correspondente ao período 2022-2025, a Unesco alerta dunha caída do índice de liberdade de expresión a niveis nunca vistos en décadas, ao tempo que aumenta a autocensura e a hostilidade cara aos xornalistas. Como contrapunto positivo, a organización destaca aspectos como o maior acceso a redes sociais e plataformas de mensaxería, o xornalismo colaborativo ou o crecemento das subscricións de pagamento.
A Unesco ven de publicar recentemente o seu informe Tendencias Mundiais en Liberdade de Expresión e Desenvolvemento dos Medios de Comunicación, co que analiza periodicamente a situación do exercicio do xornalismo e das liberdades de prensa e expresión en todo o mundo. Na nova edición do relatorio, que recolle o trienio 2022-2025, a organización internacional alerta dunha "disminución histórica" do 10% do índice de liberdade de expresión desde 2012. Esta caída a uns niveis que non se viran en décadas está a acelerarse nos últimos anos, favorecida por outras situacións como o debilitamento dos parlamentos e das institucións xudiciais, a caída dos niveis de confianza pública, a profundización da polarización ou os retrocesos en materia de igualdade.
O informe da Unesco salienta tamén que, no mesmo período, a autocensura aumentou significativamente entre os xornalistas, a unha taxa de preto do 5% por ano, acadando xa unha suba do 63 % entre os e as profesionais. Esta situación é preciso encadrala nunha crecente hostilidade cara aos xornalistas, con 310 xornalistas asasinados nos últimos tres anos e centos obrigados a abandonar os seus países para protexeren a vida (máis de 900 só na rexión de América Latina e o Caribe). Así mesmo, o dominio crecente das grandes tecnolóxicas crearon un terreo fértil para a propagación da desinformación e dos discursos de odio, mentres que a irrupción da intelixencia artificial marxinou aínda máis o valor dos medios.
Como puntos positivos, a Unesco destaca o maior acceso ás redes sociais e as plataformas de mensaxería, que permiten unha maior interacción coa información, o auxe do xornalismo colaborativo de investigación, o crecemento constante das subscricións a noticias de pagamento ou o aumento da gobernanza participativa dos contidos en liña.
Ademais, o relatorio achega algunhas recomendacións para que os gobernos freen a perigosa tendencia de deterioro da liberdade de información. En primeiro lugar, ínstase aos Estados a invertir en xornalismo para promover sociedades pacíficas, recoñecendo a defensa da profesión como unha prioridade. Ademais, a Unesco avoga pola cooperación entre todos os actores para garantir un acceso transparente á información na contorna dixital, fomentando a rendición de contas e empoderando aos usuarios e usuarias. Por último, insístese na importancia dunha alfabetización mediática que ensine a cidadanía a ser crítica coa información e a navegar con seguranza nas plataformas de redes sociais.
CPXG