A Unión Europea abre a porta a un IVE cero para xornais e revistas

Os ministros de Finanzas da UE aprobaron este martes unha modificación da lexislación sobre o IVE, que permite por primeira vez aos estados membros unha taxa cero do IVE para unha serie de necesidades básicas, entre elas as publicacións xornalísticas. A reforma ten que pasar aínda polo Parlamento Europeo, pero este trámite non é vinculante, e espérase que entre en vigor antes de marzo do 2022. A nova lexislación inclúe tamén a retransmisión por Internet dos programas radiofónicos e televisivos entre os servizos que poden aplicar un IVE reducido, de entre o 5 e o 15%. 

O ECOFIN, que reúne aos distintos ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea, aprobou este martes unha modificación da directiva europea que regula o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE). A nova redacción permite aos estados membros aplicar un IVE inferior ao 5%, que podería chegar mesmo a cero, nunha serie de produtos e servizos considerados como necesidades básicas, entre os que se atopan as publicacións xornalísticas. Ademais, a nova redacción suma á recepción de servizos de radiodifusión e televisión, que xa podían beneficiarse dun IVE reducido entre o 5 e o 15%, a retransmisión por Internet deses mesmos programas por un prestador de servicios de comunicación.

Até agora, a directiva europea sobre o IVE só permitía a aplicación de dous tipos de taxas: a normal, que ten que ser superior ao 15%, e un tipo reducido que en ningún caso podería ser inferior ao 5%, aínda que por razóns históricas algúns estados membros gozaban de derogacións especiais, como o caso de España cunha taxa superreducida do 4%. A partir da aplicación da nova norma, a Unión Europea permite a exención total do IVE nunha serie de produtos e servizos, entre os que se encontran "os relacionados co subministro de produtos alimenticios, auga, medicamentos, produtos farmacéuticos, produtos sanitarios e de hixiene, transporte de persoas e algúns artigos culturais (libros, xornais e revistas)".

A aplicación dunha taxa cero do IVE ás publicacións xornalísticas era unha reivindicación histórica entre os editores de prensa, reclamada aínda con máis forza logo de que a pandemia agudizara a crise dos medios de comunicación. Desde News Media Europe, a asociación que agrupa aos editores europeos, valorouse moi positivamente a decisión. Wout van Wijk, director executivo de News Media Europe asegurou que "ao permitir que se aplique unha taxa cero ás publicacións xornalísticas, os Estados membros recoñecen o papel vital da prensa nas nosas democracias. 

A reforma da directiva aínda ten que ser sometida aínda á valoración da Eurocámara para ser adoptada, un trámite non vinculante que se espera que se realice antes de marzo do 2022. Logo de que o texto sexa debatido no Parlamento Europeo, a nova lexislación entrará en vigor 20 días despois da publicación no Diario Oficial da UE, tras o que os distintos Estados membros poderán aplicar o IVE cero ás publicacións xornalísticas se así o deciden.

CPXG