A xornada sobre IA do CPXG chama a "un modelo que non lle vire as costas á tecnoloxía, pero a complemente con xornalismo profesional"

  • Roberto VIeito Raña, Belén Regueira e Ana Isabel Vázquez Rodríguez na presentación da xornada
  • Roberto VIeito Raña, Alba Meijide e Verónica Bolón
  • Outra imaxe do faladoiro de Verónica Bolón e Alba Meijide
  • Conferencia de Patrícia Ventura, presentada por Manuel Rey
  • Imaxe do público durante a conferencia de Patricia Ventura
  • Alba Chao, Raúl Romar, Lucía González, Marcus Fernández e Xabier Rolán na mesa redonda
  • Outra imaxe do público asistente
  • Xosé López e Ramón Salaverría na conferencia de clausura
  • As decanas da facultade de Comunicación e o Colexio de Xornalistas no acto de clausura

Os expertos e as expertas da xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, coincidiron este luns en defender a necesidade de compaxinar a inevitábel incorporación da intelixencia artificial na profesión coa deontoloxía e o xornalismo humano. O encontro contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade e do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.

Tras a presentación oficial a cargo de Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Ana Isabel Vázquez Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC e Roberto Vieito Raña, vicesecretario do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, a xornada deu comezo nun auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación practicamente cheo. Verónica Bolón, investigadora en intelixencia artificial e profesora na Universidade da Coruña, e Alba Meijide, consultora independiente de IA, mantiveron un debate baixo a moderación de Vieito Raña. Bolón realizou un panorama da historia da intelixencia artificial e fixo un chamamento aos e ás xornalistas a centrarse en salientar os "desafíos que aínda non están solucionados", como a cuestión ecolóxica, "e menos en problemas apocalípticos sobre robots que van acabar coa humanidade". Meijide, pola súa banda, combateu algúns dos mitos sobre o funcionamento da IA, destacando que os nesgos da IA veñen do error humano e "a responsabilidade sempre é nosa" e defendendo "usar estas plataformas para facer unha divulgación rigorosa, o que non é fácil" nun contexto tan rapidamente cambiábel.

Patrícia Ventura, doutora en medios, comunicación e cultura e integrante do Comité Asesor en IA responsábel da Corporació Catalana de MItjans Audiovisuals, impartiu a primeira das conferencias, presentada por Manuel Rey, responsábel de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e membro da Xunta de Goberno do CPXG. Na súa ponencia, Ventura analizou os principios éticos que deberan marcar o uso da IA no xornalismo, ofrecendo exemplos reais de malas e, sobre todo, boas prácticas nos medios, como a implementación de ferramentas para a accesibilidade, a transcrición de textos, a análise de datos ou a creación de asistentes para xornalistas. "Se estabelecemos unha relación sana con esta tecnoloxía, poderemos implementala desde o marco da complementareidade, non da competencia", asegurou. Neste sentido, chamou a diferenciar o xornalismo profesional das informacións xeradas artificialmente a través da credibilidade, xa que "a cidadanía o que quere é confiar naquilo que lle estamos contando", e do factor humano e a profundidade no tratamento, porque "se as máquinas pode facer xornalismo básico, calquera persoa cunha máquina pode facer ese xornalismo".

Tras unha breve pausa, comezou a mesa redonda sobre como se están a enfrentar os medios galegos actualmente ao reto da IA, moderada por Lucía González, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea), e na que participaron  Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Raúl Romar García, xornalista de La Voz de Galicia; e Xabier Rolán, profesor titular da Universidade de Vigo. O debate presentou un panorama no que a intelixencia artificial xa está presente de maneira irreversíbel nas redaccións, sempre baixo supervisión humana, mais sen que se desenvolveran políticas oficiais sobre o seu uso nin se introducira nos libros de estilo. Desde a mesa asegurouse que a IA non se emprega como ferramenta para a xeración de contidos, senón para a análise de datos, e fíxose unha defensa do xornalismo tradicional con enfoque humano. Con todo, sí se apuntaron algúns perigos que xa están presentes, como os nesgos, a hiperpersonalización ou a perda de confianza, mais como expresou Rolán, "o problema non é a IA, é o momento no que estamos no xornalismo e como sociedade". Nas palabras de Chao, "a realidade da IA esixe unha reflexión con perspectiva deontolóxica sobre como sacarlle proveito sen perder a esencia do xornalismo".

Esta harmonía necesaria entre a aplicación das novas tecnoloxías e a deontoloxía profesional foi tamén defendida na coa conferencia de clausura de Ramón Salaverria, quen considerou que "nunca desde a chegada de Internet atopamos un momento tan disruptivo para o xornalismo” como a irrupción da IA, e defendeu un "modelo onde non lle viremos as costas á tecnoloxía, pero ao mesmo tempo a complementamos con xornalismo profesional". O catedrático de Xornalismo da Universidade de Navarra repasou os diferentes impactos que esta nova ferramenta pode ter tanto na investigación xornalística (análise e tratamento de datos, transcrición, verificación, monitorización de redes sociais, busca mellorada de información...), como na produción (xeración automática de textos e imaxes, xeración e edición de vídeo e audio, recoñecemento facial...) e na distribución (personalización das informacións, curación automática de informacións, seguimento de usuarios e subscritores, tradución e dobraxe automáticos...) e asegurou que "non hai que entendelo como unha ameaza senón como unha fantástica oportunidade", Así, Salaverría recoñeceu que si hai cousas no que o xornalismo producido por humanos segue a ser insubstituíbel, "se cadra non tanto no estilo, mais si na ollada”, e asegurou que "se fala do perigo de que a IA aprenda a escribir como os xornalistas, eu penso que o verdadeiro perigo é que os xornalistas se poñan a escribir como a IA".

A xornada foi pechada pola decana da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC Ana Isabel Vázquez Rodríguez e a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia Belén Regueira Leal, quen salientou no seu discurso que "esta revolución non é algo opinábel nin evitábel, está aquí, así que máis nos vale aprender a lidar con ela e aprender a aproveitarnos dela". 

O programa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sobre a intelixencia artificial na comunicación vai completarse nos próximos meses cunha serie webinars formativos sobre a materia, dos que se informará proximamente polas canles habituais. 

O CPXG disponibiliza a gravación da xornada 'O impacto da intelixencia artificial no xornalismo' 

CPXG