A xornalista Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras de 2026

Begoña Caamaño (Foto: RAG)

A Real Academia Galega escolleu a Begoña Caamaño, xornalista e colexiada, para dedicarlle a vindeira edición do Día das Letras Galegas. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia aplaudiu a decisión e pediu aproveitar esta data para defender o labor da profesión xornalística na supervivencia da lingua. 

A Real Academia Galega (RAG) decidiu o pasado venres 20 de xuño dedicar o Día das Letras Galegas 2026 á xornalista e colexiada Begoña Caamaño. A candidatura, proposta polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei, impúxose ás propostas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose. Ademais do seu labor como narradora, coas novelas Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2010), a RAG destaca no seu comunicado o seu labor como profesional da comunicación "nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego". 

Nada no barrio do Calvario en Vigo en 1964, Begoña Caamaño comezou a exercer como xornalista nos servizos informativos de Radio Noroeste e traballou tamén en Radio Popular de Vigo, antes de se incorporar en 1989 á Radio Galega. Na emisora pública formou parte dos servizos informativos ata a súa incorporación ao Diario Cultural, e tamén presentou e dirixiu os programas Andando a terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite. Alén do radiofónico, traballou para a Axencia Galega de Noticias e asinou colaboracións en El Sol, A Nosa Terra, Tempos novos e Novas da Galiza. Foi ademais colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, presidenta do Comité Interempresas da CRTVG e unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebrou a decisión da RAG de dedicar o vindeiro Día das Letras Galegas á xornalista e colexiada, e chamou a aproveitar esta ocasión para reivindicar a importancia que ten o xornalismo no mantemento da lingua galega.

CPXG