A xornalista Tareixa Navaza recibe o premio Meninas de Galicia na categoría de comunicación

Como cada ano, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia colaborou este 2025 no coa Delegación do Goberno no recoñecemento que os Premios Meninas de Galicia fan de xornalistas e iniciativas mediáticas. A premiada nesta ocasión foi a veterana xornalista Tareixa Navaza, que recollerá o seu galardón, xunto ao resto de premiados, este venres 21 ás 17:00 no Hostal dos Reis Católicos de Santiago. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volve colaborar coa Delegación do Goberno en Galicia na mención que, dentro dos Premios Meninas de Galicia, convocados por este organismo, se fai do labor de xornalistas, empresas e proxectos de comunicación social de Galicia que promovan os valores de igualdade e a erradicación da violencia machista.

Nesta ocasión, o premio de comunicación foi para a xornalista Tareixa Navaza. Nada en 1947 en Santiago de Compostela, Navaza é un dos nomes clave da historia do xornalismo radiotelevisivo en Galicia. En 1965 entrou como locutora na Radio Galicia-Cadena Ser, un traballo que desde 1973 compaxinaría co labor no centro de Televisión Española, onde se converteu no primeiro rostro da televisión en galego ao presentar Panorama de Galicia. A partir de 1980, o seu traballo céntrase xa na televisión. Ademais do seu labor xornalístico, é unha figura destacada do movemento feminista en Galicia, participando da fundación da Asociación Galega da Muller e da revista de pensamento feminista Andaina, ademais de encabezar distintas manifestacións polo dereito ao aborto ou contra a violencia de xénero.

A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro venres 21 de novembro, ás 17:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela (Praza do Obradoiro, 1), nun acto presidido polo delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras.

CPXG