A XXII Asemblea Xeral do Colexio de Xornalistas aproba os orzamentos e plan de traballo para o 2023
O pasado sábado 25 de febreiro tivo lugar en Santiago a XXII Asemblea Xeral do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, na que se fixo un repaso da actividade realizada en defensa da profesion ao longo do ano e foron aprobados os orzamentos e o plan de traballo do Colexio para o 2023.
Por primeira vez, a Asemblea realizouse cun formato mixto, no que se puido acceder tanto de maneira presencial na Sede do Colexio de Xornalistas como telemática a través dunha plataforma dixital. Deste xeito, busca garantirse a máxima participación, adaptando a realización da xuntanza ás distintas posibilidades das e dos xornalistas.
No cadro da Asemblea, foi presentado e aprobado o peche económico do exercicio anterior. Así mesmo, as colexiadas e colexiados presentes na mesma apoiaron tamén os orzamentos propostos pola Xunta de Goberno para o presente ano 2023, que inclúen unha actualización das cotas de colexiación.
No que fai ao repaso do traballo do Colexio en defensa do xornalismo, aprobouse o informe de xestión de actividade de 2022. Nel, ademais dos proxectos xa habituais na actividade do Colexio, como o Premio José Couso, a Bolsa Nacho Mirás ou o Premio Somos Esenciais, destacan como novidades o programa de charlas para a reinserción no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar Aprendamos a Ler a Información, que se extende tamén polo ano en curso, e a realización dun webinar sobre información xudicial con María Pardo, que dá un novo pulo á oferta formativa do Colexio.
Na proposta de traballo da Xunta de Goberno para o 2023, tamén ratificada pola asemblea, dáse continuidade tanto aos proxectos xa consolidados como á realización dos webinars, dos que xa se anunciaron os tres seguintes, sobre o tratamento da violencia sexual, os suicidios e os casos relacionados con menores. Igualmente se contempla a posta en marcha de NRede, o rexistros posto en marcha polo Colexio de Xornalistas para garantir o traballo profesional dos medios dixitais galegos.
CPXG