A XXIII Asemblea Xeral aproba por unanimidade as contas e o plan de traballo do Colexio de Xornalistas

O sábado 2 de marzo tivo lugar en Santiago a XXIII Asemblea Xeral do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, na que se aprobaron por unanimidade a memoria de actividades e as contas do pasado ano 2023, así como o plan de traballo e os orzamentos para o 2024.

A Asemblea realizouse, como xa vén sendo habitual, cun formato mixto, no que se puido participar tanto de maneira presencial na sede do Colexio de Xornalistas como telemática a través dunha plataforma dixital. Deste xeito, pretende garantirse a máxima participación, adaptando a realización da xuntanza ás distintas posibilidades das e dos xornalistas.

No cadro da Asemblea, foi presentado e aprobado o peche económico do exercicio anterior. Así mesmo, as colexiadas e colexiados presentes na mesma apoiaron tamén os orzamentos propostos pola Xunta de Goberno para o presente ano 2024.

Informouse do contido da memoria de actividades de 2023, dispoñible para os e as usuarias dentro deste primeiro semestre do ano como establecen os Estatutos, que foi aprobada por unanimidade das persoas asistentes.  Fíxose un repaso da actividade do Colexio en defensa do xornalismo, no que ademais dos proxectos xa habituais na actividade do Colexio, como o Premio José Couso, a Bolsa Nacho Mirás ou o Premio Somos Esenciais, este ano destacou a posta en marcha de NRede, o rexistro de medios dixitais galegos posto en marcha polo Colexio que xa conta con 18 cabeceiras acreditadas. No que fai á formación, impulsouse a actividade con dez webinars distintos, os últimos cinco dentro dun programa formativo online gratuíto para xornalistas, posto en marcha grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Na proposta de traballo da Xunta de Goberno para o ano en curso, tamén ratificada por unanimidade pola asemblea, dáse continuidade tanto aos proxectos xa consolidados, ademais de promover o Rexistro de Medios Dixitais Galegos NRede como referencia de espazos informativos ou avanzar no proxecto formativo en materia de igualdade desenvolvido co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade.

CPXG