A XXIV Asemblea do Colexio de Xornalistas aproba as contas e o plan de traballo para o 2025
Este sábado 22 de febreiro celebrouse na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a súa XXIV Asemblea Xeral Ordinaria, na que foron aprobadas a memoria de actividades e as contas do ano 2024, así como o plan de traballo e os orzamentos para o vindeiro 2025.
A Asemblea Xeral Ordinaria realizouse, como xa vén sendo habitual, cun formato mixto, no que se puido participar tanto de maneira presencial na sede do Colexio de Xornalistas como telemática a través dunha plataforma dixital. Deste xeito, pretende garantirse a máxima participación, adaptando a realización da xuntanza ás distintas posibilidades das e dos xornalistas.
No cadro da Asemblea, foi presentado e aprobado por maioría o peche económico do exercicio anterior. As colexiadas e colexiados presentes na mesma apoiaron por unanimidade os orzamentos propostos pola Xunta de Goberno para o presente ano 2025.
A decana Belén Regueira informou do contido da memoria de actividades de 2024, que estará dispoñíbel para os e as usuarias ao longo deste primeiro semestre do ano como estabelecen os Estatutos. Fixo tamén un repaso da actividade do Colexio ao longo do ano, no que salientou as convocatorias habituais do Colexio (o Premio José Couso, que a partir deste ano se denominará Premio Xornalistas, a Bolsa Nacho Mirás ou o Premio Somos Esenciais); o desenvolvemento de NRede, que xa chegou ás 20 cabeceiras asociadas; a celebración da xornada Os medios públicos galegos no marco normativo europeo ou os diferentes programas formativos.
A proposta de traballo da Xunta de Goberno para este ano 2025 foi tamén ratificada pola Asemblea Xeral. Entre as actividades propostas, ademais de dar continuidade aos proxectos xa consolidados, destacan a conmemoración do 25 aniversario do Colexio, o proxecto As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada (galardoado co Premio Luisa Villalta), a posta en marcha de proxectos de alfabetización mediática, o traslado ás redaccións da formación sobre o tratamento da violencia de xénero ou a realización dunha xornada sobre o uso da intelixencia artificial no xornalismo.
CPXG