Aberto até o mércores 22 o prazo para inscribirse no webinar sobre xornalismo de datos con Miguel Rodríguez Fernández

Ata o mércores 22 está aberto o prazo para apuntarse ao webinar Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por Miguel Rodríguez Fernández, que se realizará o sábado 25 de novembro, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online. 

O xornalismo de datos converteuse hoxe en día nunha das correntes máis en voga do mundo da comunicación. No curso Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas farase un percorrido polas orixes e a teoría do xornalismo de datos, ademáis de explicar as diferentes vertentes ou áreas de especialización que existen dentro del. A continuación, darase conta da a grande variedade de ferramentas e linguaxes de programación dispoñibles. No kit do xornalista de datos adoita haber moitas ferramentas que van desde o máis simple (bo coñecemento de Excel e algunhas apps gratuítas de visualización de datos como Tableau, Infogram, Datawrapper, Flourish...) até cousas máis complicadas como controlar linguaxes de programación (R, Python, Javascript...) ou software para manipular datos xeográficos e facer mapas máis complexos (QGIS, Esri, Blender...). Finalmente, ofreceranse orientacións e consellos básicos para introducirse no xornalismo de datos, así como recursos e cursos para continuar coa formación nesta materia.

O curso estará impartido por Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff. Traballo cinco anos en La Opinión A Coruña, logo de varios periodos de prácticas en medios como El País, Europa Press e Xornal de Galicia. No Reino Unido, foi durante un ano xornalista de datos na Press Association, concretamente na súa unidade de datos local chamada Radar AI, que contaba con financiamento de Google para desenvolver un servizo de escritura automatizada a partir de bases de datos. Desde 2019, é Editor de Datos en ICIS, unha publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos. Ademais, ten mantido colaboracións regulares con medios como elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Luzes.

Como inscribirse no webinar

O curso realizarase a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do mércores 22 de novembro, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG