Ábrese no IES Poeta Añón de Outes unha nova edición dos Obradoiros contra a desinformación na Coruña
O xornalista Miguel Rodríguez impartiu esta mañá dous obradoiros contra a desinformación ao alumnado do IES Poeta Añón de Outes, cos que se inicia unha nova etapa do programa de alfabetización mediática nos centros de ensino medio da provincia da Coruña. O Colexio de Xornalistas levará ferramentas e coñecementos contra as noticias falsas a unha decena de localidades ao longo dos vindeiros meses, grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís. O acto estivo presentado pola decana do Colexio, Belén Regueira, e a deputada da Área de Dereitos Civís da Deputación, Sol Agra.
Unha nova edición dos Obradoiros contra a desinformación desenvolvidos na provincia da Coruña polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, púxose en marcha este xoves 18 de xuño. O alumnado de 1º e 2º de ESO do IES Poeta Añón de Outes puido desfrutar dos dous primeiros talleres dun total de 18 que se realizarán ao longo deste ano en nove localidades da provincia.
Os obradoiros, realizados ás 9:15 e 10:05, estiveron impartidos polo xornalista Miguel Rodríguez Fernández. A sesión inaugural contou coa presentación de Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Sol Agra Tuñas, deputada da Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña.
Miguel Rodríguez traballou cinco anos en La Opinión A Coruña e foi xornalista de datos na axencia de noticias Press Association no Reino Unido; desde 2019 é editor de Datos en ICIS, ademais de colaborar con medios elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Tempos Novos. Como o resto dos profesionais colexiados e colexiadas que impartirán os obradoiros, recibiu formación específica en alfabetización mediática para trasladar á rapazada coñecementos e ferramentas para loitar contra a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. No caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers.
Esta nova etapa dos obradoiros na Coruña vén a complementar os realizados no ano 2025, que levaron o programa de alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao alumnado de Arzúa, Brión, Carral, Curtis, Melide, Oroso, Padrón, Santa Comba e Zas. Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Carmen Quintela Babío, María Selina Otero Verdes, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.
CPXG