Adíase até febreiro de 2024 o paso da TDT á HD

O paso de todas as emisións da Televisión Dixital Terrestre en España á alta definición tardará en chegar polo menos outro ano, logo de que o Consello de Ministros aprobara esta semana a modificación do Plano Técnico Nacional da TDT para estender a data límite até febreiro do 2024. O retardo, atribuído á falta de renovación dos receptores pola pandemia, deixa en suspenso a equiparación da televisión tradicional á calidade de imaxe das plataformas de pagamento.  

O Consello de Ministros aprobou este luns 17  un real decreto polo que se modifica o Plano Técnico Nacional da TDT. Esta modificación permitirá manter as emisións en definición estándar da Televisión Dixital Terrestre até febreiro do 2024, un ano máis do estabelecido incialmente. Segundo o o plano técnico, todas as canles da TDT deberían emitir xa en alta definición (HD) desde o 1 de xaneiro deste ano. 

Segundo a información facilitada polo Goberno, esta decisión tómase a proposta do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e obedece "a unha situación excepcional derivada da pandemia, que ralentizou a renovación do parque de aparellos de televisión adaptados para as emisións TDT de alta definición". A proposta para extender a data límite das emisións en definición estándar xa fora presentada a audiencia pública en xuño do ano pasado e a Comisión Nacional do Mercado de Valores sumárase nun informe á proposta de adiamento, chegando mesmo a cuestionar "se é preciso fixar unha data concreta [...] ou ben resulta máis axeitado que sexan os propios radiodifusores que son titulares de licenzas da TDT os que determinen libremente a data en que acometan a devandita migración".

O paso á alta definición achegaría a televisión tradicional á calidade das plataformas de pagamento e streaming, que xa emiten de maneira xeral con esa resolución. Porén, esta evolución conleva uns custos adicionais que poden ser complicados de asumir para televisións cunha menor audiencia. Actualmente, as principais canles xeralistas xa están a emitir en HD, pero moitas outras continúan coa definición estándar. 

Ademais, o paso á alta definición abriría a porta a realizar tamén emisións da TDT en 4K ou ultra-alta definición (UHD). Aínda que o goberno ten animado a todos os operadores a experimentar con esta tecnoloxía, as emisións en UHD están restrinxidas de momento a operadores de pagamento, coa excepción da emisión en probas da Televisión Española, impulsada pola UHD Spain, unha asociación sen animo de lucro na que participan las principais corporacións de televisión.

CPXG