Adíase até o 29 de maio a data límite para presentarse á Bolsa Nacho Mirás

Por mor das medidas impostas na crise sanitaria do coronavirus, amplíase até o vindeiro venres 29 de maio o prazo para presentarse á quinta edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa ten unha dotación de 6.000 euros, que estarán destinados a proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2020, 2019, 2018, 2017 ou 2016) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

CPXG