Agredido o xornalista de La Voz de Galicia en Pontevedra Alfredo López Penide
Un home irrompeu o pasado venres na delegación de La Voz de Galicia en Pontevedra causado destrozos e provocando varios cortes e unha picada no peito ao xornalista Alfredo López Penide, que tivo que recibir até dez puntos de sutura. O atacante foi detido e ingresou en prisión provisoria acusado de tentativa de homicidio. O CPXG condenou á agresión e expresou a súa solidariedade co profesional, os seus compañeiros e o xornal.
O pasado venres 14 de xullo, un mozo irrumpía na redacción do xornal La Voz de Galicia en Pontevedra. O rapaz, coñecido por agredir a Mariano Rajoy no 2015, cando aínda era menor, asegurou que quería queixarse da publicación dunha información sobre unha nova condena que recibira. Mais cando unha administrativa do xornal estaba a tentar tranquilizalo, sacou un rolete e un coitelo e comezou a golpear os equipos informáticos, momento na que a traballadora fuxiu do local. O agresor entrou entón na redacción onde atopou ao xornalista Alfredo López Penide, ao que golpeou, primeiro co rolete e despois co coitelo, ao berro de "voute matar". Logo de que o López Penide puidera escapar, outras dúas xornalistas conseguiron encerrar o atacante dentro da redacción até que chegou a policía.
Alfredo López Penide tivo que ser atendido no Hospital Montecelo de Pontevedra por varios cortes na man e no brazo, así como unha picada no peito. Recibiu a alta esa mesma tarde despois de recibir até dez puntos de sutura na man. O mozo atacante foi detido e trasladado á Unidade de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra para pasar posteriormente a dependencias policiais. A xuíza ordenou o seu ingreso en prisión provisoria comunicada e sen fianza, e está a ser investigado por homicidio en grao de tentativa, atentado a axentes da autoridade, danos e lesións.
Este ataque intolerábel recibiu un rexeitamento unánime no mundo do xornalismo. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia manifestou a súa repulsa á agresión e solidarizouse co profesional agredido, cos seus compañeiros da delegación de Pontevedra e co seu xornal. O mesmo fixo a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, así como asociacións, medios de comunicación e compañeiros de profesión.
CPXG