Alba Chao gaña o IV Premio Somos Esenciais cunha reportaxe sobre a pornografía na rede
Alba Chao é a gañadora do IV Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, pola reportaxe "Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia", publicada no xornal Faro de Vigo. O xurado decidiu conceder tamén unha mención de honra a "Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade", un traballo de Carolina Sertal para a revista Luzes.
O xurado do cuarto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', composto por Vanessa Casteleiro Martínez, Lara Dopazo Ruibal, María Eimil Méndez, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Gemma Malvido Otero, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade o pasado martes 16 de xullo escoller como merecedor do galardón o traballo "Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia", da autoría de Alba Chao Vázquez, publicado o 3 de marzo de 2023 no Faro de Vigo.
O premio, dotado con 1.500 euros, foi convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis. Os membros do xurado destacaron que o traballo premiado trata "un tema de máxima actualidade elaborado de forma rigorosa, cun amplo soporte documental e enriquecido con opinións de expertas". A acta salienta tamén a "súa capacidade para amosar unha visión global, mediante unha escrita precisa e ordenada, dun problema que afecta á toda a sociedade", analizando as causas, as consecuencias e as formas de abordar o consumo de pornografía entre os menores, o que fai do texto "unha ferramenta ao servizo da cidadanía".
Ademais, acordouse conceder unha mención especial como finalista a Carolina Sertal Souto pola reportaxe "Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade", aparecida en febreiro de 2023 na revista Luzes, na que o xurado valorou "o contido de alto valor social ademais da aposta polo uso do galego" dun traballo que presenta "unha realidade complexa e dramática, durante anos silenciada, desde unha perspectiva diferente".
Os membros do xurado quixeron sinalar explicitamente a calidade dos 21 traballos presentados nesta edición do premio, que "confirman a necesidade de manter nos medios un espazo para a información social" e consolidan un premio que chega, con esta, á súa cuarta edición. A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data aínda por concretar, despois do verán, da que se dará información a través das canles habituais.
Premio de Xornalismo Somos Esenciais
O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan.
Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal.
CPXG