Alba Chao recibe o venres 18 en Santiago o IV Premio Somos Esenciais
O venres 18 de outubro ás 10.30 horas vai ter lugar, na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago, o acto de entrega do IV Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' a Alba Chao, gañadora desta edición con "Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia". O acto vai contar tamén con Carolina Sertal, finalista co traballo "Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade". O premio está organizado polo Colexio de Xornalistas en colaboración con Gadis.
A gañadora do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2023, Alba Chao Vázquez, recollerá o seu galardón o venres 18 de outubro ás 10.30 horas na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo), nun acto que contará tamén coa presenza da decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, e de Melisa Pagliaro Fernández, directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa. No mesmo acto entregarase a mención como finalista a Carolina Sertal Souto.
Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo, foi a gañadora do IV Premio Somos Esenciais, convocado baixo o lema A información ao servizo da xente, pola reportaxe "Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia", publicada o 3 de marzo de 2023 nese xornal. O xurado destacou que este trata "un tema de máxima actualidade elaborado de forma rigorosa", así como a "súa capacidade para amosar unha visión global, mediante unha escrita precisa e ordenada, dun problema que afecta á toda a sociedade". Tamén lle foi concedida unha mención especial como finalista a Carolina Sertal pola reportaxe "Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade", aparecida en febreiro de 2023 na revista Luzes, da que se salientou "o contido de alto valor social ademais da aposta polo uso do galego".
O xurado do cuarto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' estivo composto por Vanessa Casteleiro Martínez, Lara Dopazo Ruibal, María Eimil Méndez, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Gemma Malvido Otero, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez.
Premio de Xornalismo Somos Esenciais
O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan.
Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal.
CPXG