Alba Chao: "Se hai un xornalismo verdadeiramente útil é o xornalismo local"

  • De esquerda a dereita, Melisa Pagliaro, Carolina Sertal, Alba Chao e Belén Regueira no acto de entrega do IV Premio Somos Esenciais
  • Belén Regueira, Alba Chao, Melisa Pagliaro e Carolina Sertal no acto de entrega do Premio Somos Esenciais
  • Entrega do IV Premio Somos Esenciais a Alba Chao
  • Entrega da mención como finalista a Carolina Sertal
  • Alba Chao e Carolina Sertal danse unha aperta na entrega do IV Premio Somos Esenciais

Alba Chao Vázquez recolleu esta mañá na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia o IV Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo propio Colexio en colaboración con Gadis, reivindicando o xornalismo local e a importancia da educación en igualdade. No mesmo acto, Carolina Sertal Souto, finalista, cualificou esta edición do certame como un "premio da sororidade". 

Na mañá deste venres 18 de outubro celebrouse na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) en Santiago de Compostela o acto de entrega do IV Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado baixo o lema A información ao servizo da xente polo CPXG, coa colaboración de Gadis, para recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo, foi a gañadora pola reportaxe "Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia", mentres que Carolina Sertal resultou finalista co traballo "Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade", publicado en Luzes. No acto participaron tamén a decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, e Melisa Pagliaro Fernández, directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa. 

A decana do Colexio de Xornalistas agradeceu o apoio de Gadis a un premio que recoñece o xornalismo de temática social que "necesita unha visibilidade especial nos medios porque é o que retrata unha sociedade". Regueira lembrou que "o xornalismo de calidade faille falta a unha sociedade democrática como o aire para respirar". Pagliaro, pola súa banda, deu as grazas aos e ás xornalistas por "descubrirnos historias que merecen ser contadas" e afirmou que para Gadis é "unha honra ser parte deste certame", que premia un xornalismo que é "un piar fundamental para unha sociedade consciente". 

Alba Chao reivindicou a reportaxe gañadora como un traballo colectivo no que colaborou moita xente dun medio e unha sección na que "o rigor e o servizo á cidadanía segue primando por riba do espectáculo". "Se hai un xornalismo verdadeiramente útil é o xornalismo local, afirmou. A xornalista deu tamén as grazas pola existencia dunha iniciativa "que premia un área temática que non goza do prestixio doutras" e salientou a importancia da educación en igualdade, algo no que "as familias temos parte da responsabilidade. pero a sociedade como conxunto tamén". Neste sentido, Chao quixo reivindicar tamén a súa propia traxectoria: "Son unha muller rural, galegofalante, filla e neta de agricultores, que aprendeu a ler nunha unitaria, que estudou sempre na pública e que fai xornalismo local".

Carolina Sertal, pola súa banda, asegurou que para ela é "unha honra" recibir o recoñecemento a un traballo en profundidade que supuxo un mes e medio de investigación no que non resultou doado atopar testemuñas. A finalista asegurou que este é un "premio da sororidade" e manifestou que é "un pracer compartilo con Alba porque é compañeira de traballo". 

O xurado do cuarto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' estivo composto por Vanessa Casteleiro Martínez, Lara Dopazo Ruibal, María Eimil Méndez, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Gemma Malvido Otero, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez.

Premio de Xornalismo Somos Esenciais

O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. 

Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal.

CPXG