Aldeas Infantiles presenta o seu informe sobre o tratamento da infancia nos medios

La infancia vulnerable en los medios de comunicación, o relatorio de Aldeas Infantiles sobre o tratamento da información protagonizada por nenos, nenas e adolescentes, chega á súa sétima edición. A cualificación xeral das informacións baixa con respecto á do ano anterior, pero desde a organización obsérvase "unha mellora no tratamento", que se reflicte especialmente na contribución dos medios a crear consciencia sobre as necesidades e dereitos da infancia e a adolescencia. 

Aldeas Infantiles presentou o pasado martes 31 de xaneiro a sétima edición do seu informe La infancia vulnerable en los medios de comunicación, que analiza o tratamento da información que ten a nenos, nenas e adolescentes como protagonistas, neste caso con datos publicados ao longo do ano 2021. O relatorio está realizado coa colaboración da Federación de Asociaciones de Periodistas de España e o Consello Xeral da Avogacía Española.

O documento analiza unha selección de 100 novas sobre o total das 40.679 publicadas en 2021 sobre infancia e adolescencia, e valora se cada información protexe o dereito dos nenos, nenas e adolescentes á privacidade, o honor e a propia imaxe; se contribúe a crear conciencia sobre as súas necesidades e dereitos e se evita caer en estereotipos e categorías sociais que poidan suporlles un estigma. A nota media obtida é de 4,02 sobre 5, o que supón un deterioro fronte ao 4,24 do ano anterior. Entre os distitntos criterios, o da contribución a crear conciencia sobre as necesidades e os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes é o mellor parado, cunha puntuación dun 4,43; mentres que as imaxes e a protección do dereito á privacidade, o honor e a propia imaxe levaron as peores puntuacións: 3,58 e 3,74. Por outra banda, o 61% das información publicadas tiñan un enfoque positivo. 

Malia a baixada da cualificación xeral fronte ao 2020, desde Aldeas Infantiles considérase que "se confirma unha mellora no tratamento dos temas relacionados coa infancia na prensa", dado que "nalgúns aspectos como as imaxes ou a privacidade, a porcentaxe de criterios valorados como ben ou moi ben foi superior". Pedro Puig, presidente da ONG, resaltou na presentación que “un ano máis se confirma o rol dos medios para situar a infancia e a adolescencia na axenda social, creando conciencia sobre as súas necesidades, denunciando as vulneracións dos seus dereitos e abordando as realidades dlas minorías".

Como temática sinalada ao longo do período estudado, o informe analiza tamén polo miúdo as informacións relacionadas con nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados. Desde a análise obsérvase "un esforzo por crear unha imaxe positiva e afastada dos prexuízos", aínda que se advirte que "en ocasións, se cadra porque se descoñecen as súas implicaciones, se utilizan cualificativos que non son adecuados para este propósito" entre os que destaca os de "menas" e "menores estranxeiros". Desde Aldeas Infantiles faise un chamamento a ter especial coidado coa linguaxe e co respecto á privacidade nas informacións sobre estes menores. 

CPXG