Aldeas Infantiles publica unha nova edición do seu informe sobre o tratamento das e dos menores nos medios
Aldeas Infantiles SOS vén de presentar unha nova edición do seu informe La infancia vulnerable en los medios de comunicación, que analiza as informacións centradas na infancia e a adolescencia publicadas nos medios impresos e dixitais españois durante o ano 2023, co obxectivo de fomentar entre xornalistas e medios de comunicación unha cobertura respectuosa cos dereitos dos nenos e nenas e as súas necesidades.
O relatorio revisa de maneira exhaustiva unha selección de 100 novas representativas sobre infancia e adolescencia, extraídas do total de 33.693 informacións publicadas nos medios impresos e dixitais ao longo do pasado ano. Ademais, nesta edición analiza en profundidade como se cobre nos medios un tema sensíbel como é o suicidio en menores, que require dunha especial responsabilidade e rigor.
Dous terzos das informacións analizadas no documento tiveron un enfoque positivo ao tratar a infancia, fronte a un 17 % neutro e un 16 % negativo. Ademais, o informe recolle unha lixeira melloría na valoración do tratamento informativo dos e das menores, cunha puntuación xeral media de 3,91 sobre 5, fronte ao 3,86 da edición anterior. Tamén se destaca como positivo que aumenta o interese por usar a nenos, nenas e adolescentes como fontes, aínda que só un 25 % das noticias analizadas lles dá voz.
No negativo, o documento de Aldeas Infantiles insiste na necesidade de mellorar en aspectos como a protección da privacidade, un área que veu disminuída a súa valoración fronte a outros anos. Saliéntase que algunhas noticias incluíron datos que permiten identificar os protagonistas, especialmente en informacións relacionadas coa infancia migrante ou en situación de vulnerabilidade. Neste sentido, o relatorio alerta de que o tratamento de temas relacionados con menores en contextos conflitivos segue a ser problemático, por máis que se rexistraran progresos na eliminación de estereotipos.
No que fai ao suicidio, a análise revela unha cobertura extremadamente desigual. Algunhas novas que destacan por un tratamiento moi rigoroso, con opinión de persoas expertas en saúde mental e información sobre recursos preventivos e educativos para os e as menores e as súas familias; mentres que outras recorren ao sensacionalismo e a titulares alarmistas, incluíndo ademais detalles que poden comprometer a privacidade das persoas implicadas e mesmo favorecer un efecto contaxio.
O informe foi realizado coa colaboración da Federación de Asociaciones de Periodistas de España e o Consello Xeral da Avogacía Española,
CPXG