Alianzas no xornalismo europeo para loitar contra a desinformación

De cara ás eleccións ao Parlamento Europeo do próximo mes de xuño, prognósticase un aumento da desinformación nos vindeiros meses coa vontade de inferir sobre o resultado das mesmas. Nese contexto, en todo o continente están a realizarse alianzas de medios e verificadores como a European Fact-Checking Standard Network ou Pulse, que buscan potenciar o exercicio do bo xornalismo e combater as noticias falsas. 

O vindeiro mes de xuño, entre o xoves 6 e o domingo 9, celébranse en vinte e sete estados as eleccións ao Parlamento Europeo. Uns catrocentos millóns de persoas están chamadas a participar nuns comicios que cada vez gañan un espazo maior na axenda informativa e a cámara que se forme tras eles pode ter un papel decisivo en como afrontar os retos futuros da comunicación e do xornalismo, como apuntaba recentemente a Federación Europea de Xornalistas nun manifesto no que chamaba ao compromiso pola liberdade e o pluralismo dos medios.

Alén diso, os expertos aseguran que estas eleccións e a campaña que as preceda estarán tremendamente marcadas pola desinformación, tanto interna como externa, nun contexto no que a guerra de Ucraína, a polarización, a introdución da intelixencia artificial, a crise do xornalismo e a polarización existente pode favorecer a proliferación e influencia de noticias falsas. Recentemente, o Parlamento aprobaba un informe da Comisión Especial sobre Inxerencias Extranxeiras en Todos os Procesos Democráticos da Unión Europea que apuntaba directamente a potencias como Rusia e China, e que alertaba do fenómeno de la desinformación por encargo: provedores que ofrecen a axentes gobernamentais e non gobernamentais propagar desinformación coa intención de sabotar os comicios.

Fronte a esta situación, a profesión tamén está a posicionarse, creando alianzas a nivel europeo para combater a desinformación e fomentar o bo xornalismo. Así, por exemplo, a Axencia EFE anunciaba recentemente a súa incorporación á European Fact-Checking Standard Network (EFCSN), unha rede que agrupa a 43 verificadores de todo o continente e que xa contaba con outros catro membros do Estado Español: Infoveritas, Newtral, Verificat e Maldita. A EFCSN mantén aberta unha web específica para as eleccións europeas, Elections 24 Check, que une os esforzos dos seus membros para confirmar a información política e loitar contra as loiadas e as informacións falsas. 

Así mesmo, esta semana anunciouse a posta en marcha de Pulse, unha alianza de dez medios para abordar e mellorar a cobertura de temas importantes para Europa ao longo dos vindeiros dous anos. Esta nova iniciativa conta coa participación de El Confidencial, así como do lituano Delfi, o checo Deník Referendum, o austriaco Der Standard, o grego Efsyn, o polaco Gazeta Wyborcza, Poland, o romanés Hotnews, o húngaro HVG, o italiano Il Sole 24 Ore e o búlgaro Mediapool, e conta coa coordinación das asociacións de medios Osservatorio Balcani e Caucaso Transeuropa, Network for Border-Crossing Journalism e Voxeurop. Entre os eixos que van centrar o seu traballo informativo están a ampliación da Unión Europea, a relación coas potencias globais, a transición verde e a sociedade da información.

Estas iniciativas súmanse a outras xa existentes, que mostran que a articulación de sinerxias a nivel europeo e internacional é un dos camiños para que o xornalismo se reivindique en medio do ruído e da desinformación. 

CPXG