Almorzo On/Off con Massouda Kohistani, activista afgá, o venres 24 en Santiago

Massouda Kohistani (á dereita) nun acto no concello de Palencia

Massouda Kohistani, activista e defensora dos Dereitos Humanos en Afganistán, participará este venres 24 de marzo nunha nova edición dos Almorzos On/Off en Santiago. O encontro terá lugar a partir das 10:00 horas na Sala de Xuntas da sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (Rúa Ponferrada, 9, baixo).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Amnistía Internacional organizan este acto que dará comezo ás 10:00 horas e será aberto e gratuíto para as persoas interesadas. Por motivos de organización, para poder asistir  é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Massouda Kohistani

Massouda Kohistani é investigadora e docente. Membro no seu país da Unidade de Investigación e Evaluación de Afganistán (organización independente para a mellora da situación social do país) e da Afghan Women’s Network, foi ameazada de morte despois de convocar a primeira manifestación tras a volta dos talibáns ao poder e xogou un papel clave no apoio as mulleres no proceso de evacuación das mesmas. Participante tamén da JIRGA Nacional sobre Consultas para a Paz (o antecedente do Proceso de Doha para a Paz en Afganistán), defendeu a participación da muller na esfera pública, especialmente para acadar a representación feminina no Goberno. Dende agosto de 2021 está refuxiada en España a raíz da toma de Kabul por parte dos talibáns porque a súa vida corría perigo. Kohistani dará visibilidade á delicada situación que viven as mulleres e nenas de Afganistán.

Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia