Almorzo On/Off con Mohammad Ali Hoseini, xornalista afgán, o mércores 17 en Ourense

Mohammad Ali Hoseini (á esquerda da foto) nun acto en Afganistán en xullo de 2020

Mohammad Ali Hosseini é un xornalista afgán residente en Galicia logo de ter que abandonar o seu país tras a chegada ao poder dos talibáns. O vindeiro mércores 17 de novembro participará nunha edición especial dos Almorzos On/Off en Ourense. O encontro terá lugar a partir das 10:30 horas no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

O acto, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, está aberto a colexiadas e colexiados, así como ao conxunto de medios de comunicación. Por motivos de organización, para poder asistir  é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado. Seguindo as normas derivadas da pandemia de covid-19, o uso de máscara será obrigatorio para asistir ao acto.
 
Mohammad Ali Hoseini 
Mohammad Ali Hoseini é un xornalista de 24 anos procedente da provincia de Bamyan, ao oeste da capital. Malia á súa mocidade, ten unha ampla experiencia como xornalista desde que en 2015 comezou a traballar na axencia de noticias afgá Avapress en Kabul, onde tamén exerceu un ano de director interno. O seu traballo, como o de boa parte das novas xeracións de xornalistas afgáns, estivo centrado na loita contra a corrupción e o terrorismo no seu país. Por causa diso, a axencia de noticias para a que traballaba sufriu no 2017 un atentado suicida, no que morreron ducias dos seus compañeiros. Cando o verán pasado os talibáns tomaron o poder, abandonou pola súa seguridade Afganistán xunto co resto da súa familia, logo de pasar cinco días no aeroporto nos que estivo axudando a sacar xente do país. Como un dos militares españois lle dixo no aeroporto de Kabul, agora ten que contar a todo o mundo as cousas que viu. 
 
Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

Demarcación de Ourense
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia