Almorzo On/Off este xoves en Santiago para coñecer a realidade dos discursos machistas nas aulas galegas

Detalle do cartaz do acto

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social Agareso e Xornalistas Galegas organizan un Almorzo On/Off este xoves 10 de xullo para dar a coñecer os resultados do proxecto Xeración Contrainfo sobre a presenza de discursos misóxinos e antifeministas nos medios, nas redes sociais e nos IES galegos. O acto vai ter lugar ás 10:30 horas, na sede do Colexio de Xornalistas en Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo).

O acto vai contar coa participación de Ana González Liste, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Sonia Díaz, técnica de proxectos de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social; e Marga Tojo, integrante das Xornalistas Galegas. No almorzo compartiranse os resultados do estudo realizado por Agareso para analizar a presencia do machismo e a misoxinia nos centros de ensino galegos, ademais da proposta didáctica para combater este tipo de discursos de odio, elaborada a partir do traballo que levan desenvolvendo Pepe Cabido e Sonia F. Casal desde hai anos.

O encontro encádrase na edición deste ano do proxecto Xeración Contrainfo, na que Agareso, dentro do obxectivo de atallar a raíz do mecanismo que xera os discursos de odio, analizou o impacto da misoxinia e o machismo nas aulas galegas. Ademais do Colexio de Xornalistas e Xornalistas Galegas, o proxecto contou coa colaboración do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, a Asociación Clavico (Claustro Virtual de Coeducación) e o programa educativo Género Educa; e o financiamento da Xunta de Galicia. 

O almorzo é aberto a todas persoas interesadas, sendo de especial interese para xornalistas e profesionais da educación.

CPXG