Almorzo On/Off o mércores 1 de outubro en Santiago para presentar a campaña #OrgulloTerceiroSector de EAPN Galicia
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e EAPN Galicia - Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social organizan un Almorzo On/Off este mércores 1 de outubro para presentar a campaña #OrgulloTerceiroSector, coa que se reivindica o labor destas entidades como un dos axentes fundamentais na transformación social e na prestación de servizos sociais, acceso ao emprego ou a vivenda.
O encontro vai ter lugar ás 10:00 horas, na sede do Colexio de Xornalistas en Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo) e será aberto e gratuíto para os e as xornalistas interesadas. Por motivos de organización, para poder asistir é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.
O acto vai contar coa participación de Manuel Rey, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Ana Pardo, presidenta da EAPN Galicia; Xosé Cuns, director da EAPN Galicia e Clara de Vega, responsable de comunicación da EAPN Galicia.
O terceiro sector: xerador de emprego e riqueza
Cara ás entidades que conforman o Terceiro Sector persiste na actualidade un escaso coñecemento, así como prexuízos sobre o traballo que desenvolven. A isto engádese o feito de non consideralo como un axente económico esencial que crea emprego e riqueza. Resultado desta idea son as discriminacións nalgunhas convocatorias, nas que non se ten en conta as características das entidades sociais e os perfís cos que se traballa.
Fronte a este escenario, a campaña #OrgulloTerceiroSector pretende derrubar algúns dos mitos, amosando o labor das entidades participantes como un axente máis do sistema de servizos sociais, de emprego, acceso a vivenda, sanidade, etc. Caracterízanse por unha atención individualizada e integral, poñendo o foco na persoa, respectando tempos de intervención e as súas casuísticas.
CPXG