Almorzo On/Off sobre o dano cerebral adquirido o mércores 22 en Santiago

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Dano Cerebral Galicia organizan un Almorzo On/Off o vindeiro mércores 22 de xullo, Día Mundial do Cerebro, que baixo o título Que diferencia o dano cerebral adquirido doutras discapacidades? quere achegar as e os xornalistas ás especificidades do dano cerebral, así como dar a coñecer a súa dimensión social e os recursos disponíbeis. O encontro vai ter lugar ás 10:30 horas, na sede do Colexio de Xornalistas en Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo).

O acto vai contar coa participación de Irene Cancelas Sánchez, responsable de Comunicación de Dano Cerebral Galicia: Pablo Freire Portela, traballador social de Dano Cerebral Lugo e membro do Grupo de Comunicación de Dano Cerebral Galicia; e Lucrecia Alcolado Sánchez, persoa con dano cerebral adquirido de Lugo.

O dano cerebral adquirido

O dano cerebral adquirido ten o reto de darse a coñecer entre a sociedade polo seu carácter recente. Aínda que ictus, a súa principal causa, non é novo, a súa incidencia vai en aumento, afectando ademais a persoas cada vez máis novas. Por outra banda, as melloras nas urxencias médicas e na atención hospitalaria salvan moitas vidas que continúan con esta discapacidade.

Ás veces, estas propias persoas descoñecen que teñen dano cerebral adquirido, polo que é preciso que os e as xornalistas colaboren a súa identificación. Só sabendo o que é, diferenciando a discapacidade das súas causas, pode comprenderse a dimensión social da cuestión, cales son os recursos necesarios para atender á poboación afectada ou que secuelas definen ás persoas que o teñen, freando o muro de incomprensión.

Neste almorzo On/Off, achegaranse algunhas claves para identificar e contextualizar esta discapacidade, ás que vai axudar o testemuño en primeira persoa de Lucrecia Alcolado, que ten dano cerebral adquirido desde hai catro anos. O encontro, que non vai exceder unha hora de duración e será aberto para os e as xornalistas interesadas, facilitará ás e aos profesionais da comunicación a cobertura dunha discapacidade que cada vez ten máis presenza na nosa sociedade. 

CPXG