Ampliado até o 20 de xuño o prazo para presentarse ao II Premio Somos Esenciais

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia amplía un mes o prazo para optar aos 1.500 euros do II Premio 'Somos Esenciais', que convoca en colaboración con Gadis. O galardón recoñece o labor das e dos profesionais da comunicación durante a crise da Covid-19 en Galicia. Até as 14:00 horas do 20 de xuño poden enviarse os traballos publicados ou emitidos en 2021.

O Premio 'Somos esenciais' recoñecerá por segundo ano o traballo xornalístico máis salientábel sobre a crise sanitaria da Covid-19. A el poden presentarse xornalistas e fotoxornalistas que publicaran ou emitiran pezas relacionadas coa pandemia en Galicia ao longo do 2021. Na pasada edición, resultou gañadora Isabel Bravo e concedeuse tamén unha mención especial como finalista a Ángel Paniagua. 

As candidaturas deben presentarse antes das 14.00 horas do luns 20 de xuño no correo xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición e o traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Estabelécese un único premio de 1.500 euros, aínda que o xurado poderá facer as mencións especiais aos traballos que considere oportunos.

O xurado estará composto por Isabel Bravo Francos, xornalista gañadora da pasada edición do Premio ‘Somos Esenciais'  Antía González Paredes, membro do Departamento de Comunicación de Gadisa; Francisco X. González Sarria, decano do CPXG; Darío Janeiro Pereira, secretario do CPXG; Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; Belén Regueira Leal, vicedecana segunda do CPXG, Lucía Rodríguez Peña, voluntaria e membro da xunta directiva de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social; e Cristina de la Vega Jiménez, xefa de Comunicacions e Relacions Institucionais da Area Sanitaria A Coruña-Cee e representante da Asociación Nacional de Informadores de Saúde.

CPXG