Ana Blasco: ″Necesitamos maior profundidade e perspectiva na análise dos datos da pandemia″

Ana Blasco é xornalista e traballa no Faro de Vigo, desde onde se encarga de cubrir a actualidade sanitaria que máis afecta á contorna viguesa. Desde o comezo da pandemia, a COVID-19 marca a súa axenda diaria. Antes, formou parte da redacción do xornal La Opinión de A Coruña.

–Cal cres que debe ser o papel do xornalismo nesta pandemia? 

É unha infección nova que trastornou a vida de todo o planeta. O xornalismo ten un papel fundamental á hora de trasladar á cidadanía, con información contrastada e especialistas na materia, as novidades e achados que vaian xurdindo e axuden a disipar as incógnitas sobre como debe actuar no día a día. 

Creo que os medios galegos están a facelo bastante ben neste aspecto, salvo algún caso que se me vén á cabeza no que serviron de altofalante para dubidosas recomendacións. Por outra banda, tamén está a concienciación social sobre as medidas de prevención. É algo no que me insisten moitos médicos e sanitarios cos que falo. Moi a miúdo. Piden que usemos as nosas canles para que a xente vexa que esta enfermidade é seria e que a responsabilidade de freala é de todos. 

–Como xornalista encargada dos temas de sanidade no Faro de Vigo, como levas a cobertura da COVID-19?

É un caudal continuo de información que ten case de todo: infinidade de estudos e avances científicos, estratexias de saúde pública, decisións políticas, historias humanas... Dende ese punto de vista, é algo apaixonante. Pero tamén foi moi duro e esgotador. Sobre todo, ao principio. Adicamos medios propios e todas as nosas enerxías, con esa satisfacción do bo traballo realizado, e chegou o xerro de auga fría do ERTE, que engadiu unha loita diaria contra o reloxo e moita tensión ás dificultades que xa tiñamos. 

"A rede de contactos tecida durante estes anos permitiume recorrer a especialistas para resolver infinidade de dúbidas"

 

–Consideras que nestes momentos é aínda máis importante a especialización das e dos xornalistas? 

Sen dúbida. A rede de contactos tecida durante estes anos permitiume recorrer a especialistas para resolver infinidade de dúbidas, para que me orientasen, para que me mantivesen ao día ou me indicasen cales eran as claves nas que debía fixarme. Ademais, o sistema sanitario é unha engrenaxe mastodóntica polo que é moi fácil perderse nun momento no que se producen tantos cambios á vez. 

--Que destacarías da cobertura da pandemia desde Vigo?

A sanidade en Vigo, polo menos dende que levo informando sobre ela, sobre 2013, é un ámbito moi conflitivo: as peores listas de espera de Galicia, a construción dun hospital cun modelo público-privado que a propia Xunta rexeitou empregar nos seguintes, os problemas dunha inauguración e un traslado hospitalario que botaron a unha conselleira, a revolta en Primaria coa dimisión dos seus xefes de servizo... En cambio, fixéronse moitas cousas ben durante a pandemia que permitiron a todos, en liñas xerais, estar orgullosos do funcionamento da área. 

"A sanidade en Vigo, polo menos dende que levo informando sobre ela, é un ámbito moi conflitivo"

 

Os profesionais innovaron moito e teñen iniciativas pioneiras a nivel nacional. Explícanche os seus proxectos con paixón. Poder contalos é moi satisfactorio. Tamén me chamou a atención o estado de fraxilidade emocional dos pacientes da COVID que estiveron graves. Emociónanse moitísimo ao lembrar o que pasaron e ti non podes evitar facelo con eles, ata as bágoas.

–Como mellorarías o tratamento informativo sobre a COVID-19? 

Creo que necesitamos maior profundidade e perspectiva na análise dos datos. Non centrarnos tanto en comunicar o dato diario. Non é algo fácil. Hai moitas cousas que inflúen neses números. É un fenómeno novo e necesitas falar con diversos profesionais que che vaian dando as claves, algunhas das cales tamén van descubrindo eles aos poucos. Por desgraza, non adoitas dispoñer de tanto tempo para facelo. E os especialistas tampouco están aí para ti sempre que queres. Coa cantidade de traballo que tiveron e teñen, loxicamente, o acceso é máis complicado. Con tanto número, tamén pode que nos estean a faltar máis caras que mostrar.

–Pensas que a ampla cobertura que se está a facer da pandemia está provocando a desatención doutros temas importantes? 

Si. Xa só sen saír do ámbito sanitario, estamos a deixar de cubrir outro tipo de patoloxías e as súas necesidades. Coa tregua do verán, recuperamos un pouco outros temas. Pero, tanto na segunda onda como na primeira, parece que o que non é COVID ou non se pode relacionar con ela non interesa. A pandemia paralizou moitas cuestións e as que continúan, está a invisibilizalas. Estámolas invisibilizando. Aí, entoo tamén o mea culpa.

"O peor creo que foi a comunicación de información tan sensible como os falecementos"

 

--Afectou ao teu traballo a dificultade de acceso aos datos de incidencia da pandemia en Galicia?

Bastante. Lembro que, ao comezo da pandemia, os datos sobre os primeiros casos chegaban a contagotas e non por vías oficiais. Cando aínda se podía levar a conta das repuntas no verán, o Sergas tampouco informaba oficialmente delas. Como o día en que decidiron aplicar restricións en Vilagarcía, en setembro. A xente quedou descolocada, sen entender por que. A Xunta non informara do brote vinculado a Avigal. Nin o fixo oficialmente ata que xa saltou aos medios. Ata hai ben pouco eramos a única comunidade, xunto con Estremadura, na que non se facilitaba información concreta a nivel municipal. E se queres que se entenda a aplicación dunha medida nun concello, hai que explicarlle aos cidadáns por que é diferente a súa situación. 

O peor creo que foi a comunicación de información tan sensible como os falecementos. Foi caótica. Ao principio, Sanidade informaba das mortes en hospitais e Política Social, de residentes de centros sociosanitarios. Non sabías se algún viña por duplicado porque nin os mesmos gabinetes tiñan datos suficientes para aclaralo. Aínda hoxe, non é posible ter datos oficiais de todos os decesos vinculados con residencias na primeira onda. 
 
–Recomenda algún recurso útil para as e os xornalistas que traballan na cobertura da COVID-19.

É fantástico o labor que está a realizar Daniel González Pena, investigador da Universidade de Vigo. Nos seus repositorios podes acceder aos históricos dos datos do Sergas. Ademais, creou o seu propio “semáforo” antes que as administracións, cun parte diario con cifras, taxas e gráficas que permiten seguir a evolución das sete áreas e comparalas dunha forma moi cómoda.

ANA G. LISTE