Arrincar a esperanza dos brazos do conformismo: Manifesto do CPXG con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa
O noso futuro como xornalistas esvaécese incluso antes de nacer. Esta sentenza está gravada a lume na memoria de todos aqueles que decidimos estudar Xornalismo ou Comunicación nun dos momentos máis delicados para ambas profesións. Á revolución do dixital uníuselle unha crise económica voraz que foi sinalada como a culpable de boa parte dos males dos que adoece este oficio. Enmascarados tras denominacións eufemísticas que non buscaban máis que edulcorar a realidade, asistimos a despedimentos, baixadas de salario e reaxustes nos cadros de persoal. Vimos, de primeira man, como decenas de medios poñían o punto e final á súa historia e como, outros moitos, atopaban na contratación de bolseiros unha vía para paliar a súa crítica situación financeira.
A escasa remuneración ou a ausencia dela converteuse no costume habitual deste tipo de contratos, nos que a formación e as promesas de inserción laboral se empregaron, a miúdo, como moeda de cambio. Os que aceptaron as condicións da transacción non tardaron en decatarse da perversidade que rodeaba o sistema. As posibilidades reais de permanencia no medio eran nulas e o suposto proceso de aprendizaxe traducíase en asumir as funcións —e tamén as xornadas laborais— propias ás dun redactor asalariado.
Os novos comunicadores emerxemos, así, como o reclamo idóneo para aqueles medios que se venderon a un xornalismo “de baixo custe”: unha práctica que conserva o nome da profesión, pero que nada ten que ver nin cos principios, nin cos valores da profesión mesma. Naufragaron a ética, a neutralidade e a honestidade. O rigor e a calidade deixáronlle paso á procura incesante da primicia e o inmediato. Perdeuse tamén a investigación, o contraste das fontes e a capacidade para elaborarmos as noticias. Extraviáronse no medio da voracidade informativa que enraizou as máis perversas prácticas e rutinas produtivas.
Porén, é a precariedade o maior dos males que ameaza o oficio. Esa que coarta a liberdade de prensa e induce nas redaccións un estado permanente de obediencia e submisión. Para algúns, xa só queda o alento daqueles profesionais que se erguen nun acto de denuncia, que se rebelan no necesario exercicio de recuperar a propia esencia do xornalismo. Mais este debera ser tan só o principio, porque como diría Manuel Rivas, “a esperanza non se espera. Hai que arrincarlla dos brazos ao conformismo”.
Sabela Direito Rebollal
Xornalista e colexiada do CPXG