Arxentina limita o acceso á información pública nunha nova restrición á prensa

O goberno arxentino vén de modificar a Lei de acceso a la información pública para aumentar as excepcións á transparencia e negar información que se considere de índole privada. A medida, criticada pola profesión, encádrase nos ataques continuos de Javier Milei contra o conxunto de informadores. 

O goberno de Javier Milei aprobou este luns unha nova restrición á liberdade de prensa na Arxentina. Mediante un decreto que modifica a Lei de acceso a la información pública, aprobada no 2016, aumenta considerabelmente ás excepcións ao acceso á información pública e permite ao Estado negar información que os funcionarios públicos consideren de índole privada. A medida supón unha regresión en materia de transparencia no país latinoamericano e recibiu as críticas da Asociación de Entidades Periodistícas Argentinas, que adiantou que pode ser anticonstitucional. 

O novo decreto encádrase no enfrontamento que Milei ten cos medios de comunicación no seu país. Desde a súa chegada ao poder, o presidente negouse a realizar conferencias de prensa, labor que delega no portavoz Manuel Adorni, e cualificou de "casta" aos e ás xornalistas, a quen acusa de mentir sobre o seu goberno e utilizar a información con vontade de extorsionar. Mesmo chegou a propor que as e os profesionais que lle fagan preguntas "presenten unha declaración xurada" para "que poidan ser sometidos ao escarnio público ao que someten ao resto da sociedade".

O xornal Clarín contabilizou en só dúas semanas de agosto ataques do presidente contra 33 xornalistas e 12 medios de comunicación distintos, e o mes anterior a Academia Nacional de Periodismo fixera un comunicado contra a campaña do presidente contra a comunicadora Maggie O'Donnel.  Pero xa aos 100 días da formación do goberno, en marzo deste ano, o Foro de Periodismo Argentino advertira de que o 40% dos ataques rexistrados contra comunicadores proviñan de Milei e os seus funcionarios.

CPXG