Ás 19:30 deste luns 6 remata o prazo para presentar candidaturas para impartir os obradoiros de Xornalismo na Escola

Ás 19:30 horas deste luns 6 de novembro péchase o prazo para presentar candidaturas ás nove prazas para impartir os obradoiros da segunda edición da iniciativa Xornalismo na Escola, convocada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. Nove xornalistas parados serán seleccionados para levar as xornadas didácticas sobre comunicación a alumnos de 3º e 4º da ESO.

As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Ás nove prazas convocadas  que pode concorrer calquera colexiado ou colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que acredite atoparse en paro, tendo preferencia aqueles que se encontren en situación de desemprego de longa duración.

Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.

As persoas interesadas en impartir as xornadas deben enviar antes das 19:30 horas do 6 de novembro a solicitude que figura no anexo das bases e un breve curriculum a xornalistas@xornalistas.gal

​Máis información aquí.

CPXG