As editoras propoñen uns principios xerais para o uso da intelixencia artificial
Editoras de todo o mundo de medios de comunicación fan pública unha proposta de principios xerais que deberan rexer o uso dos sistemas de intelixencia artificial no sector editorial e de contidos, atendendo aos criterios de propiedade intelectual, transparencia, responsabilidade, calidade e integridade, equidade, seguridade, deseño e desenvolvemento sustentábel.
Un total de vinte e seis asociacións internacionais de editoras de medios de comunicación e outras publicacións fixeron público este mércores 6 de setembro un documento no que propoñen unha serie de principios xerais que deberan rexer o uso da intelixencia artificial (IA). As organizacións proveñen do eido informativo, de entretemento e académico e buscan proporcionar directrices para o desenvolvemento, implementación e regulación dos sistemas de IA no sector editorial e de contidos, partindo da idea de que "aínda que as tecnoloxías de IA proporcionan beneficios substanciais ao público, aos creadores de contido, ás empresas e á sociedade en xeral, tamén supoñen riscos para a sustentabilidade das industrias creativas, a confianza do público no coñecemento, o xornalismo e a ciencia e a saúde das nosas democracias".
Os principios xerais están divididos nos apartados de propiedade intelectual (os sistemas de IA deben respectar os dereitos de propiedade intelectual, remunerando aos creadores e propietarios de contido, protexéndoos do uso inadecuado e recoñecendo os mercados existentes de licenzas), transparencia (para permitir que autores e propietarios fagan valer os seus dereitos), responsabilidade (para evitar a atribución de información falsa), calidade e integridade (para afianzar a confianza nas aplicacións de IA), equidade (a IA non deben crear resultados inxustos de mercado ou competencia), seguridade (os sistemas de IA deben ser confiábeis e seguros e abordar os riscos de privacidade), deseño (os principios xerais deben incorporarse desde o deseño a todos os sistemas de IA) e desenvolvemento sustentábel (necesidade de aliñamento cos valores humanos, os obxectivos sociais e as leis mundiais).
As organizacións que apoian a proposta son a Asociación Colombiana de Medios de Información, a Asociación de Entidades Periodísticas Argentinas, a Association of Learned and Professional Society Publishers, a Associação Nacional de Jornais do Brasil, a checa Unie vydavatelů, a Danske Medier de Dinamarca, Digital Content Next, a European Magazine Media Association, a European Newspaper Publishers' Association, o European Publishers Council, a FIPP, o Grupo de Diarios América, a Magyar Lapkiadók Egyesülete húngara, a Sociedade Interamericana de Imprensa, a coreana 한국신문협회 (Hanguk Sinmun Hyeophoe), a News Media Alliance, a News Media Association do Reino Unido, a News Media Canada / Médias d'Info Canada, a NDP Nieuwsmedia dos Países Baixos, a News Media Europe, a finlandesa Uutismedian liito, a News Publishers Association de Nova Zelanda, a xaponesa 日本新聞協会 (Nihon Shinbun Kyokai), a británica Professional Publishers Association, a STM e a World Association of Newspapers and News Publishers. O documento, con todo, está aberto a novos asinantes.
CPXG